Adxudicado a Coregal S.L. o mantemento de parques e xardíns nos cascos urbanos de Silleda
A Xunta de Goberno Local vén de dar luz verde á adxudicación definitiva do contrato, tralo proceso ao que se presentaron tres entidades
Laura Moure/Silleda
O goberno municipal de Silleda vén de aprobar a adxudicación definitiva do contrato de servizo para o mantemento de parques e xardíns nos cascos urbanos de Silleda, logo de
iniciar o pasado mes de outubro o proceso, con licitación mediante concurso aberto. Das tres entidades que se presentaron a mellor oferta foi a de Coregal S.L., por un importe anual de 42.600 euros, máis 8.946 euros de IVE. O contrato asinarase por un periodo de tres anos.
Establécense máis de 30 áreas de actuación, incluíndo parques, zonas axardinadas, podas de árbores…. Con esta proposta, o equipo actual de xardinería adicarase ao mantemento doutras áreas situadas nas parroquias do rural.

Dende o departamento municipal de Medio Ambiente e Servizos, que dirixe Pili Peón, advírtese que no municipio de Silleda existen numerosas áreas verdes de titularidade municipal que requiren dun mantemento continuo de conservación tanto das condicións estéticas como de salubridade. “Debido ás características destas zonas e á grande extensión e dispersión do noso territorio, considérase necesario contratar a unha empresa especializada que realice un mantemento integral ao longo do ano para ter todas estas áreas nas debidas condicións”, engade a concelleira.