Investiránse máis de 97.000 euros nos traballos de remodelación emampliación da zona de xogo da praza Juan Salgueiro
Laura Moure/Silleda
A Xunta de Goberno Local de Silleda vén de adxudicar as obras de remodelación e ampliación do parque infantil da Bandeira, un espazo moi utilizado polas familias da localidade e arredores e que acusa un notable deterioro nos últimos anos. A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación definitiva á empresa Zona de Obra O Rosal, que acadou a mellor puntuación das cinco ofertas presentadas ao procedemento, por un importe total de 97.887,22 euros.
Trátase dun concorrido espazo público que conta con elementos de xogo moi deteriorados polo uso e o paso do tempo. Con este proxecto búscase renovar todo o espazo adicado a parque infantil, que a día de hoxe ocupa unha superficie de 200 metros cadrados.
Así mesmo o parque ampliarase en 80 metros cadrados máis cara ao leste, creándose así mesmo unha segunda entrada dende a rúa do Entroido. Renovarase todo o pavimento e darase un contido temático, relacionado co universo, a este espazo de xogo, que busca tamén integrar aos carballos do recinto, os únicos que quedan en toda a praza da localidade.
Das tres árbores existentes, será preciso ademais retirar un dos carballos que está xa seco, por motivos de seguridade. Os outros dous integraranse e cobrarán protagonismo, poñéndoos en valor cos novos elementos de xogo. Tamén se propón un pequeño xardín no acceso que acompañe e suavice o límite do parque cas beirarrúas, así como a instalación de bancos.
Entre os elementos de xogo novos figura unha estrutura hexagonal con seis entradas para distintos xogos, cama elástica, muelle, columpio colectivo tipo trainera en estrutura de madeira tratada e semiesferas no pavimento. Segundo figura no proxecto será un espazo no que os nenos e nenas poidan tamén estimular a imaxinación.
O prazo de execución das obras é de dous meses dende a sinatura do contrato.
コメント