top of page

Adxudicadas as obras de reforma integral do pavillón polideportivo municipal da Bandeira

As obras suporán a mellora integral desta instalación deportiva, con substitución do pavimento, renovación de mobiliario e iluminación, entre outros


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda vén de adxudicar á empresa Urbanismo Técnico Sostible (Urbatés) as obras de reforma integral do pavillón polideportivo municipal da Bandeira por un importe de 111.199 euros. Ao proceso de licitación dos traballos presentáronse un total de 4 ofertas.


As actuacións, que comezarán nas vindeiras semanas, coordinaranse co CEIP Ramón de Valenzuela, que utiliza a diario estas instalacións, así como coas actividades deportivas regulares que se desenvolven neste espazo municipal.

Este proxecto suporá a renovación completa da cancha deportiva, coa instalación dun novo pavimento vinílico antiescorregadizo e polivalente, adaptado aos estándares actuais de calidade, o que permitirá a práctica de diferentes modalidades deportivas (baloncesto, fútbol sala, patinaxe…).


Tamén se procederá á substitución das bancadas, ao pintado do cerramento lateral, á renovación da iluminación con lámpadas de baixo consumo e á reparación e repintado dos paramentos e elementos metálicos. Outra das melloras incluídas é o reacondicionamento da antiga zona de aseos e vestiarios, actualmente en desuso, que se converterá nunha sala de usos múltiples destinada a actividades como ioga, pilates ou baile.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Ademais, acometeranse traballos de mantemento complementarios, como a revisión da cuberta, a substitución dos canalóns e a creación dunha nova soleira de formigón pulido no acceso principal, mellorando así a accesibilidade ao recinto. “Continuamos apoiando a mellora das infraestruturas deportivas municipais, neste caso nunha instalación que se emprega a diario e que forma parte esencial da actividade educativa e deportiva da Bandeira”, sinala a alcaldesa, Paula Fernández.


Publicidade

Preme na imaxe se quere contactar connosco.
Preme na imaxe se quere contactar connosco.

O proxecto executarase con cargo ao II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra, dando continuidade ás melloras xa realizadas nos últimos anos neste recinto, como a creación de novos aseos e vestiarios accesibles.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page