Adrián Vázquez anuncia en Lalín que o PP trasladará a problemática dos ataques do xabaril ata Bruxelas
- ecosdacomarca
- 22 sept 2024
- 2 Min. de lectura
O eurodeputado popular informou desta iniciativa nunha visita a varias plantacións afectadas na parroquia lalinense de Castro
Ecos da Comarca/Deza
O eurodeputado do PP Adrián Vázquez anunciou onte en Lalín que o seu partido vai trasladar a problemática dos ataques do xabaril nos cultivos ata Bruxelas co obxectivo de que no Parlamento Europeo se coñeza a fondo esta situación e se dispoña de máis compensacións económicas e sensibilidade cos agricultores e gandeiros afectados.

O representante popular informou desta iniciativa, que se formalizará a través dunha reunión co novo comisario de Agricultura, nunha visita ás instalacións da cooperativa Gandeiros do Deza e a varios cultivos da súa contorna afectados polo xabaril na parroquia lalinense de Castro. Nela estivo acompañado polo coordinador de Medio Rural do PPdeG e concelleiro lalinense, Avelino Souto, e outros cargos do partido.
Adrián Vázquez explicou que, o pasado ano, Galicia sufríu alomenos 3.909 ataques do xabaril a plantacións agrícolas, segundo os datos oficiais, que tamén engaden que os danos desta especie na nosa comunidade, con cifras do ano 2022, sitúanse en 1.600 hectáreas ocasionando unhas perdas que poden roldar os 40 millóns de euros. E a maiores, o xabaril tamén está a producir un incremento dos accidentes de tráfico por atropelo, con 3.585 dun total de 5.494 en toda Galicia durante o ano 2022.
Publicidade
Ademais, afondou en que a bisbarra do Deza é unha das máis afectadas, unha cuestión trascendente polo peso da agricultura e da gandeiría na súa economía, cun cento de ataques destas características o pasado ano, que se centraron principalmente en Lalín, Silleda e Rodeiro.
Por elo, e tras louvar o traballo da Xunta de Galicia no apoio aos gandeiros por esta problemática, o eurodeputado sinalou que as solucións deben comezar a artellarse globalmente desde a Unión Europea, polo que confía na sensibilidade, o ideario político de apoio ao sector primario e a sintonía co comisario, pertencente ao PP Europeo, para alcanzar un acordo.
Publicidade
“Úrsula Von der Leyden comprometeuse en Galicia a que os comisarios de Pesca e Agricultura estarían desligados de Medio Ambiente e cumpríu, e ademais consideramos que é algo fundamental e moi beneficioso para Galicia para que non se misturen cuestións que non teñen nada que ver, polo que imos comezar a traballar para aproveitalo no beneficio dos intereses dos agricultores e gandeiros da nosa terra”, concluíu Adrián Vázquez.
Comments