Alzouse co galardón outorgado pola Fundación Pedrón de Ouro, este ano en colaboración co Concello de Silleda. Esteban Brea e Antonio Piñeiro acadaron os dous accésits
Reunión do xurado onte en Silleda.
Laura Moure/Silleda
O premio de narración curta Modesto Rodríguez Figueiredo, convocado pola Fundación Pedrón de Ouro, fallouse onte no Concello de Silleda, que colabora nesta 46 edición do certame. O escritor e historiador pontevedrés Adolfo Caamaño Vázquez (Barro, 1959) alzouse co galardón polo relato Derradeiras paisaxes do Conde, polo seu plantexamento orixinal e por abordar un relato histórico xa coñecido –segundo transmitiu o xurado- dende unha perspectiva inédita.
O xurado, que estivo formado por Xosé Ramón Fandiño Veiga, presidente do Pedrón de Ouro; Estíbaliz Espinosa, escritora e gañadora da anterior edición de 2019; a escritora silledense Ana Cabaleiro, en representación do Concello de Silleda; Agustín Agra, escritor en representación da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega; Rubén Eiré, escritor en representación do Plen Clube de Escritores e Escritoras de Galicia, e por David Otero, secretario do xurado e da fundación, tamén destacou a boa documentación deste relato que supón “unha metáfora da decadencia”.
Nesta edición de 2020, que veu retrasando a data do fallo prevista por mor da situación sociosanitaria, tamén se outorgaron dos accésits: para Esteban Brea Castro, (Cambre, 1990), polo relato Progresión en escala menor, que aborda unha temática complicada de xeito elegante, cun plantexamento anovador e frescura na narración; e para o profesor e escritor Antonio Piñeiro (Ribeira, 1962), polo relato Áncora, do que o xurado destacou o ritmo intenso e áxil desta historia de temática marítima, con frescura e argumentalmente ben resolta.
O xurado reuniuse onte no Salón de Plenos do Concello de Silleda, municipio que colabora nesta edición de 2020, e no que se entregarán –previsiblemente no mes de maio- os galardóns desta 46 edición do certame, ao que concorreron un total de 75 traballos.
Comentarios