top of page

Adiante Melide aplaude que "o PP crea, tras máis dunha década, prioritaria a autovía por Melide"

“Benvido sexa o PP á posición na que nunca estivo ata agora, que é a da defensa dos intereses de Melide ante calquera goberno. É lamentable o silencio que mantiveron sobre este asunto todos estes anos”, lamenta este partido


Ecos da Comarca/Melide

O PP de Melide anunciou esta semana que instará ao goberno municipal AM-PSOE a adoptar "unha decisión sobre a necesidade de presionar ao goberno de España para que remate cun compromiso claro e taxante os tramos Palas de Rei-Melide así como Melide-Arzúa os únicos que non están en funcionamento da autovía A-54". Ante isto, pronúnciase Adiante Melide. "Adiante Melide, como organización representativa e integrante da cidadanía melidá, ten amosado sempre un firme compromiso co desenvolvemento de todas aquelas infraestruturas e servizos que redunden nunha mellora da calidade de vida no municipio. Neste sentido, a organización saúda o posicionamento do PP a prol do remate dos tramos pendentes da autovía A-54, tanto de conexión entre Melide e Arzúa como entre Melide e Palas de Rei. Cómpre lembrar que o noso é o único concello

do tramo Lugo-Santiago que aínda non conta con conexión por autovía directa con ningunha destas capitais", recalca e critica a reivindicación agora dos populares.

Sen embargo, dende Adiante Melide tamén amosan "a súa sorpresa polo feito de que os populares teñan agardado máis dunha década para reclamar, vía Pleno municipal, celeridade nas obras". O alcalde, Jose Manuel Pérez, manifesta que se ben “benvido sexa o PP á posición na que nunca estivo ata agora, que é a da defensa dos intereses de Melide ante calquera goberno, é lamentable o silencio que mantiveron sobre este asunto todos estes anos”.


Pola súa banda, Xosé Igrexas, portavoz municipal de Adiante Melide, quixo tirar de hemeroteca e lembrou que “dende 2011, logo da vitoria de Mariano Rajoy, e ata 2014, as obras sufriron un parón inxustificable que demostrou que as prioridades do PP estaban moi lonxe de Melide”. Isto sucedeu, continúa o portavoz municipal, “aínda tendo en conta que naquel momento o PP gobernaba tanto aquí no Concello como na Xunta de Galicia e no Goberno de España”. “Sempre falan do 'goberno amigo' cando gobernan en Madrid, pero esa mesma 'amizade' impídelles reclamar o que é de xustiza en defensa da veciñanza”,

asevera.

Así mesmo, resaltan que "desde a nosa formación lembramos que posteriormente, e durante o resto do goberno de Rajoy e o actual goberno de Pedro Sánchez fóronse abrindo novos tramos nas provincias da Coruña e de Lugo sen que en ningún momento houbese présa por comunicar Melide coas capitais galegas. O certo é que se o PP busca culpables das demoras na autovía, tenos moito máis preto do que pensa. Uns buscan titulares e outros buscamos solucións".


NOTICIA RELACIONADA (O QUE ESIXE O PP):

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
bottom of page