Fixo entrega dos Premios Osíxeno e Dioxina 2023 no seu encontro anual de socios
Laura Moure/Melide
A organización ecoloxista ADEGA celebrou este pasado sábado, 11 de maio, en Melide a súa 48º Asemblea Xeral de socias e socios, na que se fixo balance do traballo desenvolvido ao longo do pasado ano e na que se puxeron en común as liñas estratéxicas da organización neste 2024. Como continuidade da anualidade anterior, a organización mantén como prioridades a defensa do territorio ante a invasión eólica tanto deste o eido reivindicativo como xudicial, fronte á eucaliptización e implantación de novas celulosas e a prol de modelos alternativos a Sogama de xestión de residuos; ademais do reforzo da liña de denuncia penal contra o funcionariado que incumpre co seu deber público.
Propostas de resolución aprobadas
Así mesmo, as persoas socias presentes na Asemblea aprobaron un total de sete propostas de resolución, entre elas, a protección das actividades pesqueiras e marisqueiras tradicionais fronte á crítica situación que viven as rías galegas, ecosistemas únicos e fráxiles hoxe sometidos a múltiples agresións no marco da mudanza climática global.A Asemblea de ADEGA tamén manifestou a súa solidariedade co pobo palestino e o seu dereito a existir en paz na súa terra, denunciou o masacre que o estado de Israel está a cometer na franxa de Gaza e noutros territorios palestinos, e esixiu ao goberno galego, español e á Unión Europea un posicionamento claro polo cese o fogo inmediato. A terceira das propostas de resolución vinculouse á defensa do territorio fronte á celulosa de Altri, unha ameaza para a vida e o ambiente da comarca do Alto Ulla, que representa o peor do modelo colonialista e depredador que o capitalismo e os seus cómplices políticos teñen deseñado para a nosa terra. En cuarto lugar, a Asemblea de ADEGA trasladou o seu apoio e respecto aos membros do TSXG fronte aos ataques e descualificacións do Partido Popular tras as resolucións polas que se paralizaron cautelarmente e mesmo anularon numerosos parques eólicos. Así mesmo, ADEGA resolveu instar á Xunta a ampliar xa a Rede Natura 2000 co obxectivo mínimo de duplicar a superficie terreste actualmente protexida (apenas o 12%) e, deste xeito, dar cumprimento ás esixencias europeas de mellorar a conectividade ecolóxica entre espazos e garantir a protección de hábitats e especies.As propostas de resolución aprobadas pecharon cunha reclamación ás Administracións públicas europeas, estatais e galegas para que non dean nin un paso atrás nas medidas de control ambiental ás que se debe someter a industria agrogandeira, cuxo lobby está exercendo unha gran presión para que se eliminen ou reduzan as garantías ambientais. ADEGA instou, finalmente, á Xunta de Galiza a apostar polo transporte público e colectivo como piar da súa política de mobilidade sustentábel e a reclamar as competencias en materia ferroviaria, como así se contempla nos Estatutos de Galiza.
Publicidade
Entrega dos premios Osíxeno e Dioxina 2023
Por último, ADEGA fixo entrega dos Premios Osíxeno 2023. Uns galardóns, obra cerámica do artista galego Nacho Porto, que recoñecen as mellores accións e as actitudes máis positivas para a preservación ambiental de Galiza, ou aquelas traxectorias vitais comprometidas co medioambiente do país. Desta volta foi Daniel López Vispo, referente do activismo ecoloxista galego e un dos membros de ADEGA máis prezados e admirados, quen recibiu o Premio Osíxeno de Honra 2023. Ademais, o mariñeiro, patrón de pesca e divulgador Rogelio Santos Queiruga recolleu o Premio Osíxeno Individual 2023, polo seu importante papel na dignificación do sector e a posta en coñecemento da rica e ampla biodiversidade e riqueza ambiental das nosas rías e mares; e a Asociación Noia Limpa foi merecente do Premio Osíxeno Colectivo 2023, co que ADEGA quixo recoñecer a súa iniciativa, determinación e traballo para dar a voz de alarma pola chegada da marea de pellets de plástico ás nosas costas.Pola contra, os Premios Dioxina deste ano, que destacan as peores accións ou actitudes exercidas contra o medioambiente galego, recaeron no responsable da Confraría de Pescadores de Muxía, Daniel Castro, polos insultos profesados publicamente contra as persoas e entidades ecoloxistas; e no sindicato Comisións Obreiras, por emprender xunto coa administración galega e o lobby eólico unha campaña pública de desprestixio e inxurias contra as organizacións ecoloxistas e os maxistrados do TSXG que están a resolver a paralización cautelar de numerosos polígonos eólicos.No acto de entrega dos premios e na clausura da Asemblea Xeral estiveron presentes representantes do Instituto de Estudos Ulloáns, do Sindicato Labrego Galego, da CIG, da entidade de custodia Fragas do Mandeo, no BNG, da Plataforma de Afectados e Afectadas pola A-57 e da Plataforma Ulloa Viva; ademais do concelleiro de medio ambiente Xosé Igrexas e a concelleira de cultura Maica Vasalo do Concello de Melide, e a directora xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Marisol Díaz Mouteira.
Roteiro pola zona afectada por Altri
Tralo xantar de confraternización, as socias e socios de ADEGA realizaron unha visita guiada da man do biólogo e compañeiro Xurxo Mouriño á contorna afectada pola pretendida fábrica de celulosas Greenfiber de ALTRI e Greenalia, en Palas de Rei, para coñecer de primeira man a riqueza ambiental que se atopa en risco.
Comments