Adega publica a Revista Cerna Nº 93 que fala de Altri, da Mina de Touro-O Pino e das plantas de biogás
- ecosdacomarca
- 29 jun
- 3 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Xeral
A organización ecoloxista ADEGA publica o número 93 da Revista Cerna, a maior publicación sobre o medio ambiente e a ecoloxía de Galiza. Nesta ocasión, aborda diferentes debates e ameazas ambientais, como o proxecto de celulosa de Altri e a reapertura da mina de Touro-O Pino, a vaga eólica, as macroplantas de biometano/biogás no rural ou a eucaliptización, mais tamén acolle interesantes e esperanzadores proxectos de educación ambiental nas escolas e exitoras iniciativas de voluntariado na costa galega.

Ademais, celebra os 50 anos da asociación ADEGA e os 20 do Proxecto Ríos. Esta publicación, a primeira de 2025, abre cun artigo de Xaquín Rubido, presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, no que contextualiza proxectos coma o de Altri e o da mina de Touro-O Pino nun modelo industrial de enclave e sen consenso social, e no que chama a tecer rede transversal arredor dun denominador común: a defensa do noso territorio e da sostibilidade dos sectores produtivos. "Da man, logo, da doutora en hidroloxía Ana F. Santamariña, debullamos os impactos de Altri sobre o encoro de Portodemouros. E pecha este primeiro bloque unha nota sobre os primeiros pasos que está dando ADEGA canda a PDRA na contenda xudicial contra a celulosa", sinalan dende Adega.
Enerxía, biodiversidade e residuo
A transición enerxética colócase tamén no foco de análise desta Cerna, que aborda os intereses ocultos tras o desenvolvemento eólico en Galiza a través dun artigo da autoría do investigador Júlio Conde. Completa a radiografía do conflito socioambiental en torno ao modelo eólico outro texto da man da investigadora Maricarmen Tapia, no que expón as 10 variables que caracterizan o actual modelo de implantación de enerxía eólica en Galiza e xustifican a defensa dunha alternativa. "Ademais, a presidenta do colectivo veciñal Berce do Ulla, Sonia Mareque, achéganos ao debate en torno ás plantas de biogás e/ou biometano no rural galego, a colación dunha mesa redonda celebrada en Antas de Ulla, na que se chamou a poñer o rural no centro das decisións". No eido da conservación e da biodiversidade, as páxinas da Cerna adéntranse nas Fragas do Eume, onde os investigadores Fernando García-Fernández, María Vidal, Adrián Regos e Jesús Domínguez analizaron o impacto negativo dos eucaliptos sobre as aves forestais.
Publicidade
"Navegamos tamén ata a illa de Tambo para coñecer a biodiversidade excepcional que habita neste espazo, identificada nun estudo botánico do departamento de botánica da Universidade de Santiago de Compostela. As páxinas da Cerna achéganse logo ao ecofeminismo a través da ollada de mulleres diversas que coidan da ría e do mar e que puxeron en común as súas historias nunhas xornadas organizadas por ADEGA na Coruña.En materia de residuos, analizamos os incumprimentos en reciclaxe e a necesidade dun sistema de depósito, devolución e retorno de botellas de plástico da man do profesor da Universidade da Coruña e director da Revista Cerna, Manuel Soto".
"Recollemos tamén unha exitosa acción de voluntariado ambiental celebrada en toda a costa galega, a iniciativa de ADEGA, Limpiarousa, ProxectoaMARte e Surfrider, co obxectivo de limpar as praias dun dos residuos que máis aparecen: os tarugos ou paus de batea. Con esta proposta, as entidades procuran visibilizar a problemática do lixo mariño e abrir un espazo no que procurar solucións favorables coa achega de todos os actores implicados".
Publicidade
Ecoloxismo onte, hoxe e mañá
Esta iniciativa de voluntariado abre camiño para o último bloque da revista, dedicado á loita ecoloxista e á educación ambiental. "Se hai futuro, pasa polas escolas, e é por iso que esta Cerna recolle dúas experiencias de educación ambiental transformadoras, que apostan pola aprendizaxe na natureza: é o caso do IES de Ponte Caldelas, co seu proxecto Monte Vivo sobre os coidados dos espazos naturais e a prevención de incendios forestais; e do CEIP de Louro, que no marco do Plan Proxecta, traballou canda a cativada a importancia dos ecosistemas fluviais, cun tributo ás cantareiras e á musica tradicional".
Ao tempo, o 20 aniversario de Proxecto Ríos e o medio século de ADEGA na defensa da terra "convídannos, noutros dous textos, a revisar a nosa historia e coller folgos para as loitas que veñen.As seccións de flora e fauna, ecopoesía e unha interesante proposta para coidar o patrimonio desde os nosos pés pechan as páxinas desta Revista Cerna, que conta co apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña". Xa poden consultarse todos os artigos a través da páxina web da Revista Cerna ou na plataforma ISSU.
Comments