top of page

Acusan a Iván Corral de “querer colar escuderías afíns” no censo para “alterar” as eleccións da FGA

Xeración-RenovaFGA apunta que arredor dun 30% das 80 escuderías e clubs que figuraban no censo inicial “non deben ter dereito a voto segundo os requisitos establecidos no Regulamento Electoral aprobado”


Ecos da Comarca/Deza

Xeración-RenovaFGA anuncia que nos vindeiros días presentará diante do Comité Galego de Xustiza Deportiva (CGXD) un recurso para “evitar que o proceso electoral da Federación Galega de Automobilismo chegue viciado e completamente manipulado ao día das votacións”, tras acusar ao equipo de Iván Corral de “querer colar no censo escuderías afíns sen dereito a voto” para “alterar e condicionar” os resultados.

“A Iván Corral xa non lle saen as contas e está á desesperada tentando meterlle goles

á Secretaría Xeral para o Deporte e a nós, como candidatura alternativa, para evitar que as eleccións sexan un proceso democrático, equitativo e transparente”, asegura Xeración-RenovaFGA. “Tentou colar un Regulamento Electoral modificado ad hoc para o seu beneficio e tumbáronllo e agora tentaba colar arredor dun 30% das 80 escuderías e clubs que figuraban no censo inicial e que non deben ter dereito a voto segundo os requisitos do Regulamento Electoral aprobado”.


Desde Xeración-RenovaFGA sosteñen que “a garantía de limpeza e xustiza do censo electoral, especialmente no caso das escuderías, é clave nestas eleccións”, posto que dos 64 ou 65 membros da asemblea xeral, 45 corresponden ás escuderías. “Non temos ningunha dúbida de que todos os movementos e artimañas administrativas e xurídicas de Iván Corral, en moitos casos coa connivencia dunha Xunta Electoral completamente arbitraria e ao noso entender elixida fraudulentamente, están orientadas a sumar votos de escuderías afíns á súa causa, aínda que non cumpran os requisitos legais para poder votar”.


Ao respecto, o Regulamento Electoral establece que as escuderías e clubes deben “estar inscritos, desde xaneiro dos dous anos anteriores ao ano de celebración das eleccións, na Federación Galega de Automobilismo e no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia en cada tempada”. Tamén deben “ter participado ou organizado desde xaneiro dos dous anos anteriores ao de celebración das eleccións nunha competición deportiva oficial celebrada en cada unha das tempadas”, requisito que por mor da pandemia refírese “as tempadas 2018 e 2019, no lugar de 2020 e 2021”.

“Temos documentación que acredita que máis dunha vintenta de escuderías e clubs

incluídas por Iván Corral no censo inicial non cumpren ditos requisitos e agardamos que o Comité Galego de Xustiza Deportiva (CGXD) non se limite a dar por bo calquera certificado que poida emitir a Federación Galega de Automobilismo asegurando o contrario, porque non é a primeira vez que comprobamos que se están a certificar falsedades que nin sequera se comproban”, asegura Xeración-RenovaFGA.


“Que ninguén dubide que se temos que chegar ao contencioso-administrativo para garantir a limpeza deste proceso electoral, farémolo; e se observamos que se adoptan decisións irregulares, por omisión de actuación ou a sabendas, que poidan incurrir en delictos de prevaricación, esixeremos xuridicamente responsabilidades sexa quen sexa a persoa ou o organismo”, resaltan.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page