Ecos da Comarca/Touro/A Ulloa
A pasada semana tiveron lugar actos informativos sobre a mina de Touro e Altri convocados pola Plataforma Veciñal Mina Touro o Pino Non, a Asociación Ulla Viva e Adega. En concreto, celebráronse en Pontevea (Teo) e en Vilagarcía de Arousa. Varios expertos analizados as consecuencias destes dos proxectos.
Así o mércores 22 no local locial Ponte Vella (Pontevea, Teo) informouse sobre "a ameaza de Altri e a Mina de Cobre de Touro". Contou coa participación por parte da Asociación Ulla Viva de Irene Tato e pola Plataforma Veciñal Mina Touro o Pino Non de Lola Martínez.
Irene Tato dou conta da enorme preocupación coa que a veciñanza desa bisbarra do Ulla vive pendente da resolución que tome a Xunta de Galicia sobre estes dous proxectos, "que son unha ameaza medioambiental, económica, social e de saúde pública para todas as persoas que habitan no corazón de Galicia: concellos e parroquias de practicamente toda a conca do Ulla que se estende a da propia Ría de Arousa. Estes dous proxectos, de xeito sinérxico, suporían a multiplicación desa grave agresión, non só as comarcas nas que se asentan, senón tamén ao conxunto de Galicia, tratada outra vez como unha rexión na que se depredan os seus recursos propios".
Publicidade
Lola Martínez referiuse ao proxecto de reapertura dunha mina de cobre, "no esencial idéntico ao presentado en 2017, que foi denegado en 2020, e que nin sequera debía terse admitido a trámite seguindo a lexislación medioambiental". Tras un repaso as afeccións "que traería a reapertura da mina pechada hai 40 anos e que cuxo impacto aínda hoxe segue patente nos regatos da contorna a través dos ríos Pucheiras, Lañas e Brandelos, tributarios do Ulla", debullou cronoloxicamente distintos estudos científicos que ao longo dos anos foron poñendo de manifesto esas afeccións: "dende drenaxes acedas, ao decaemento da poboación de salmón ou os sedimentos con metais pesados no estuario do Ulla na Arousa".
Mentres o xoves 23 tivo lugar un encontro en Vilagarcía de Arousa organizado pola Plataforma Veciñal Mina Touro o Pino Non e a Asociación para a Defensa de Galicia (ADEGA) que contou cola participación da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA). Julia Barbosa (Plataforma veciñal Mina Touro O Pino Non), Fins Eirexas (ADEGA) e Xaquín Rubido PDRA) analizaron o impacto do proxecto da Mina de Touro-O Pino sobre o Río Ulla e a Ría de Arousa.

Julia Barbosa repasou as eivas do proxecto agora en exposición pública, "que resulta practicamente idéntico ao anterior, e por riba contén erros, omisións e ocultación de datos técnicos e económicos esenciais para a cidadanía. Preocupa especialmente que a Xunta, lonxe de cumprir a lei de avaliación ambiental que obriga a non admitir un proxecto igual ao rexeitado, declarou o proxecto de Cobre San Rafael como “de interese estratéxico”, facilitando así o procedemento administrativo á empresa que o quere implantar".
Fins Eirexas valorou as afeccións medioambientais ·que xa sofre a contorna da mina nestes
momentos e informou das incertezas e a falta de garantias de que as ditas afeccións non se agraven de saír adiante o novo. Dende a infravaloración dos riscos derivados do deseño dos depósitos e balsas mineiras, a incerteza na catalogación dos estériles potencialmente xeradores de drenaxe aceda, ou a insuficiencias e indeterminacións do sistema de tratamento das augas contaminadas e o destino que terían. En definitiva, a infravaloración dos impactos sobre a bacía fluvial e a Rede Natura 2000".
Xaquín Rubido sinalou a afección do proxecto á propia supervivencia da Ría de Arousa, un espazo natural xa agredido e afectado por múltiples factores contaminantes, que está sufrindo unha deterioración progresiva que se reflicte ano a ano na dramática caída de produción de bivalvos. Sinalou que esa ría, a máis importante de Galicia nos aspectos ecolóxico, económico e social, precisa actuacións por parte da Xunta para frear esa diminución. "No canto de ser saneada e rexenerada, a Xunta de Galicia parece amparar dous proxectos gravemente agresivos para ela e para toda a cunca do Ulla". Rubido subliñou "que os proxectos da Altri e a mina de Touro O Pino, forman parte dunha mesma grave ameaza para o conxunto de Galicia, polo que a resposta veciñal e cívica debe producirse solidariamente en todo o país, porque somos todos os galegos os afectados directamente".
En ambos actos informativos facilitouse a recollida e sinatura de alegacións. O prazo para presentar alegacións acaba o venres, día 31 de xaneiro.
Comments