top of page

Acordo unánime coa nova reorganización da Feira da Bandeira

Laura Moure/Silleda

A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, e a concelleira de Benestar, Ángela Troitiño,

xunto co Xefe da Policía Local mantiveron onte unha reunión cos feirantes da Feira da Bandeira para realizar a última reorganización dos postos antes da finalización das obras no entorno da praza da Feira da localidade. Ademais, aproveitouse o encontro para coñecer a opinión dos feirantes sobre o novo reparto de postos, que foi deseñado como

consecuencia das ditas obras.

Na reunión, consultouse cos feirantes a súa valoración sobre a nova distribución, que implicou a eliminación dos postos situados no centro da praza e a súa reubicación nas rúas colindantes. A resposta dos feirantes foi unánime: a nova reorganización parécelles atractiva para os seus negocios, xa que xera un maior movemento de persoas e, ao mesmo tempo, permite ampliar o número de postos de venda. Do mesmo xeito, nos últimos meses, dende a reubicación dos postos por mor das obras, foron moitos os veciños e veciñas que amosaron a súa satisfacción pola nova distribución.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.

Así, acordouse que a nova distribución se manteña unha vez rematadas as obras de remodelación da praza e o seu entorno, que se están a levar a cabo a través dos fondos europeos do programa DUS 5000. Os postos ocuparán toda a rúa do Parque, a rúa da Feira, a rúa Louras, a renque do Peixe, o calello da Igrexa e a rúa do Entroido.


 Ademais, habilitaranse novos espazos para novos postos  que se vaian incorporando, nos tramos de Agro Balo, na rúa Lourás e nun tramo máis da rúa do Parque.


Reordenación que comezou en xaneiro

“Nas últimas edicións da feira, observouse un aumento tanto no número de postos como no de visitantes, o que indica que o cambio non só mellorou a organización espacial, senón tamén o nivel de vendas”, remarca a alcaldesa que destaca ademais que nas últimas semanas se recibiron moitas opinións favorables sobre esta nova distribución entre as persoas compradoras habituais da feira, xa que consideran que se deseñou un espazo

para este mercado (que se celebra os días 14 e 29 de cada mes) máis competitivo e ordenado en comparación co anterior reparto dos postos. A reorganización dos postos, que agora se manterá con este acordo unánime do sector, iniciouse a finais de xaneiro deste ano, coincidindo cas obras de humanización da praza.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Así mesmo, no encontro celebrado este sábado Paula Fernández transmitiulles as persoas responsables da venda ambulante o agradecemento en nome do Concello pola comprensión e adaptación durante os meses de obras. “Ao longo destes meses mantivemos reunións e contactos que agora culminan con este acordo unánime para manter a reubicación dos postos, algo que sen dúbida resultará positivo para este mercado ambulante e o seu futuro”, indica a rexedora.

Comentários


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page