"Foi un acto moi participativo no que a veciñanza expresou o desexo e necesidade do cambio de goberno en Touro e valorou positivamente que se faga a través dun partido político propio aberto á veciñanza e sen máis compromiso que Touro", sinala
Ecos da Comarca/Touro
"Acollida ilusionante do partido político municipal Movemento Veciñal de Touro na súa presentación pública", tal e como a define o propio partido político. Roberto Castro Rocamonde será o candidato á Alcaldía para as eleccións de maio.

"Nun acto público moi participativo no que a veciñanza expresou o desexo e necesidade do cambio de goberno en Touro deixando pequeno o local, valorou positivamente que se faga a través dun partido político propio aberto á veciñanza e sen máis compromiso que Touro", sinala. No acto, fíxose referencia ós mecanismos de participación veciñal que recollen os novos estatutos organizativos, e a implicación territorial da parroquia á hora de planificar as políticas a levar a cabo e aportar coñecemento das necesidades específicas de cada recuncho do concello, así como da capacidade dun partido veciñal para institucionalizar as demandas locais e que sexan escoitadas nos demais niveis administrativos para que se aporten as solucións necesarias.
"Dende o Momento Veciñal presentamos como aval o traballo rigoroso nestes catro anos na oposición e poñemos en valor o traballo realizado mesmo antes de formar parte da Corporación, entre o que destaca as melloras ó Transporte Metropolitano, e as propostas relativas á defensa das concidións de traballo do Servizo de Axuda no Fogar, á creación dun Centro de Día e mellora dos servizos de conciliación, a defensa da creación dun Punto Limpo, a defensa dos servizos de saúde no Centro de Saúde de Touro e a creación das necesarias infraestruturas de saneamento e abastecemento de augas entre outras moitas iniciativas ben coñecidas".
Propostas, subliña, "que bateron coa negativa permanente dun goberno sen argumentos e que evidenciou a súa falta de capacidade para facer as xestións máis básicas e deu lugar á lexislatura das oportunidades perdidas. A lexislatura do NON do actual goberno de Touro ás propostas do Movemento Veciñal, transformarase no goberno do SI a partires de maio".
Comentários