Acadar desenvolverá en Silleda novos itinerarios de emprego dirixidos a mulleres con discapacidade
- Laura Moure

- 1 may
- 2 min de lectura
Abordará competencias prelaborais e o uso de ferramentas para a procura de Emprego
Laura Moure/Silleda
O municipio de Silleda desenvolverá en Silleda unha nova edición dos seus itinerarios de emprego dirixidos a mulleres con discapacidade, unha iniciativa promovida por ACADAR en colaboración co Concello. Este programa está deseñado para adaptarse ás necesidades específicas das participantes e ten como principal obxectivo facilitar a súa inserción laboral mediante itinerarios personalizados. Ao longo das sesións traballaranse habilidades sociais, comunicativas, formativas e competencias prelaborais clave.

Entre os contidos que se abordarán inclúense aspectos prácticos como a elaboración do currículo, a procura de ofertas de emprego adaptadas a persoas con discapacidade e o funcionamento das Empresas de Traballo Temporal (ETT). Tamén se prestará especial atención ao uso das novas tecnoloxías e aplicacións para a busca activa de emprego, así como ao aproveitamento das redes sociais neste ámbito.
PUBLICIDADE
Ademais, os obradoiros ofrecerán formación sobre trámites administrativos básicos, como a obtención da Chave 365, a clave permanente, o uso do DNI electrónico ou a solicitude da vida laboral. Igualmente, trataranse cuestións relevantes como os estereotipos no ámbito laboral e o chamado “teito de cristal”.
A metodoloxía será participativa e dinámica, favorecendo a interacción entre as asistentes e a creación de espazos de socialización e apoio mutuo.
PUBLICIDADE
As mulleres interesadas en participar deberán contar cun recoñecemento oficial de discapacidade e poderán formalizar a súa inscrición enviando un correo electrónico a info@acadar.org
Dende o Concello de Silleda destacan a importancia desta iniciativa, que contribúe a mellorar as oportunidades de emprego e a promover a inclusión social das mulleres con discapacidade no municipio.








Comentarios