Augas de Galicia vén de entregarlle ao Concello estas infraestruturas hidráulicas, que supuxeron un investimento de 487.000 euros
Ecos da Comarca/Boimorto
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, rematou as obras que permiten dotar de servizo de saneamento municipal os núcleos de Viladónega, O Outeiro e O Pedral, no concello de Boimorto.
As obras consistiron na instalación dun sistema de saneamento composto por unha rede de colectores cos seus correspondentes pozos de rexistro e unha estación depuradora de augas residuais nesta zona rural con vivendas unifamiliares, na súa maioría dispersas, e en cuxa contorna tamén hai unha pequena explotación gandeira de vacún e un bar.
Publicidade
Este mércores Augas de Galicia entregoulle ao Concello estas infraestruturas hidráulicas, que supuxeron un investimento de 487.000 euros. En concreto, mediante esta actuación, habilitouse unha rede de colectores por gravidade sen bombeos intermedios e cun tramo en hinca para cruzar unha estrada autonómica. A rede remata nunha depuradora de augas residuais que funciona cun panel solar co que alimentar a instalación e un punto de luz.
A rede de colectores executouse en tubaxe de PVC, de diámetro 250 mm. A lonxitude total da rede é de máis de 2,5 km, complementada con 75 unidades de pozo de rexistro.
Con estas obras darase servizo a unha poboación de 99 habitantes para o ano horizonte 2044.
Esta intervención enmárcanse no convenio de colaboración entre a Xunta, que cofinanciou a actuación nun 80%, e o Concello de Boimorto, que contribuíu co financiamento do 20% restante.
Publicidade
As obras contaron con financiamento europeo do eixe REACT-EU do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da covid-19.
A Xunta segue prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan exercer as súas responsabilidades dun xeito eficiente e continuar mellorando a calidade de vida da poboación no medio rural.
Comments