Acaban as obras de reforzo da seguridade de treitos do Camiño de Santiago en Boimorto e Sobrado
A Xunta levou a cabo actuacións en cinco estradas autonómicas con este obxectivo
Laura Moure /Boimorto/Sobrado
A Xunta rematou as obras de reforzo da seguridade viaria en treitos de cinco estradas autonómicas coincidentes co Camiño de Santiago na provincia da Coruña, entre elas nos concellos de Boimorto e Sobrado dos Monxes.
Estas intervencións desenvolvéronse na estrada AC-231, nos treitos comprendidos entre os puntos quilométricos 14+065 e 15+615 e no 17+200, coincidentes co paso do Camiño Norte polo concello de Sobrado. Executouse unha senda de algo máis de 1,5 quilómetros de lonxitude.

As actuacións tamén se acometeron na estrada AC-934, no punto quilométrico 21+620, nas Casiñas; e entre o 26+350 e o 26+600, entre O Peroxil e A Igrexa, tamén na traza do Camiño Norte por Sobrado. Nesta vía autonómica tamén se acometeu unha senda pola marxe esquerda.
A estrada AC-840 tamén foi obxecto destes traballos, concretamente no tramo entre os puntos 33 e 33+370, no Mesón, á altura do concello de Boimorto. A intervención consistiu na construción dunha senda de case 400 metros por ambas as marxes da estrada.
Estas obras executáronse ademais na estrada AC-141, no punto 0+480, tramo coincidente co Camiño Inglés, no municipio de Cabanas; ou na AC-214, no punto 9+030, en Cambre.
Ademais, tamén se levou a cabo o reforzo da sinalización horizontal e vertical nestes tramos das citadas vías.
As intervencións enmárcanse no programa de 39 obras de mellora da seguridade viaria que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a executar desde o pasado ano en cruzamentos ou treitos paralelos das rutas xacobeas coas estradas autonómicas, cun orzamento de preto de 1,8 M€.
A encomenda do ano 2022 estase a levar a cabo nos distintos Camiños e trazados da Ruta Xacobea en tres provincias galegas. Na provincia da Coruña programáronse un total de 11 actuacións; na de Lugo, 23; e na de Ourense, 5. O Goberno galego dálle así continuidade ás 70 obras que levou a cabo no ano 2021 nas estradas autonómicas nos treitos coincidentes coa traza do Camiño de Santiago e que supuxeron un investimento de 1,4 M€.