A Xunta de Galicia destinou a esta obra 1,1 millóns de euros
Laura Moure/Deza
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, vén de rematar as obras de renovación e reparación integral do firme e modernización do balizamento e da sinalización da estrada autonómica PO-212, entre os concellos de Rodeiro e Agolada, cun orzamento de 1.110.769 euros.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou esta tarde a conclusión desta actuación na contorna do lugar de Adelán xunto aos alcaldes de Rodeiro
e Agolada, Rubén Quintá e Luis Calvo, respectivamente. Tamén estiveron presentes outros membros dos equipos de goberno de ambos Concellos.
O representante autonómico explicou que esta mellora “era moi necesaria, xa que a pavimentación foise deteriorando pola carga de tráfico, o paso do tempo e os efectos da climatoloxía e por iso dende a Xunta acometemos este proxecto e cumprimos co obxectivo
de telo rematado antes do inverno para outorgar máis seguridade na época do ano con maior adversidade climatolóxica e risco de sinistralidade”.
A actuación de reforzo de firme realizouse ao longo dos 15,6 quilómetros desta estrada autonómica para mellorar a súa seguridade viaria, así como as condicións de condución e
circulatorias, beneficiando aos case 4.700 veciños de ambos os municipios que a empregan de xeito habitual.
Deste xeito, acometéronse traballos diferenciados, segundo o estado do firme nas diversas zonas, que incluíron o fresado e a eliminación de cinco centímetros da capa de rodadura -
naqueles puntos onde estaba máis prexudicado e que sumaron 250.000m²- e a súa posterior reposición con máis de 6.000 toneladas de mestura bituminosa en quente, previa
aplicación dunha rega de adherencia. Así mesmo, en toda a vía aplicouse un
microaglomerado en frío para minimizar o futuro desgaste da capa de rodadura e favorecer a adherencia dos vehículos.
Marcas viarias
Paralelamente, a Xunta repuxo todas as marcas viarias, como a sinalización do eixo central da calzada e os bordes da estrada, e colocou máis de 1.500 elementos de balizamento, co formato de captafaros, para incrementar a visibilidade.
Cómpre sinalar que tamén, en aras da seguridade, se reduciu lixeiramente o ancho dos carrís centrais para establecer algunhas zonas intermedias cebreadas no marco das
actuacións complementarias de modernización da estrada.
Luis López, que lembrou o cumprimento do compromiso de rematar as obras antes do
inverno, destacou “o elevado grao de compromiso da Xunta de Galicia coas
infraestruturas, que están a recibir uns fortes investimentos en toda a provincia para mantelas nas mellores condicións e que, no caso do Deza, plásmanse nesta conexión
entre Rodeiro e Agolada para favorecer a comunicación entre dous concellos cunha
elevada relación e mobilidade”.
Comments