As persoas interesadas poden pedir este servizo ata este mércores, día 24
Laura Moure/Lalín
O Concello de Lalín ten aberto o prazo para solicitar as 70 prazas do programa Concilia Lalín para o período vacacional de Semana Santa. Durante os días 29, 30 e 31 de marzo e 5 de abril desenvolverase por razóns de mellor organización do servizo de xeito centralizado no CEIP Manuel Rivero en horario de mañá, de 7:30 a 14:30 horas, e de tarde de 16:00 a 20:00 horas.
A presentación de solicitudes poderase facer ata o vindeiro mércores 24 de marzo, preferiblemente a través da sede electrónica do Concello de Lalín, presentando a solicitude e xuntando a documentación requirida que xa aparece recollida na propia instancia; de non ser posible, presentarase no Rexistro Xeral do Concello.
Prezos
O prezo do servizo para o período vacacional é de 3,50 euros por menor/día e 2,50 euros para o segundo irmá/n e posteriores. As e os menores participantes deberán ir provistos de máscara e levar unha merenda saudable.
Cabe recordar que durante o período lectivo, Concilia Lalín funciona ininterrompidamente ao longo do ano nos seguintes centros educativos: CEIP Manuel Rivero de Lalín, CEIP Xoaquín Loriga de Prado e CEIP Vicente Arias de la Maza de Vilatuxe, proporcionando actividades de acollida, atención e lecer, durante as horas previas e posteriores á xornada escolar. Para esta modalidade o prazo de presentacións de solicitudes está aberto ao longo de todo o ano. Neste momento aínda hai prazas dispoñibles.
Comments