Aberto o prazo para participar no programa Xuntos polo Nadal promovido por Política Social
Está dirixido a persoas maiores de 60 anos que vaian pasar estas datas en soidade
Laura Moure/Silleda/Xeral
O departamento de Benestar Social de Silleda, que dirixe Ángela Troitiño, informa sobre o programa Xuntos polo Nadal, organizado pola Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, e que está destinado a persoas maiores de 60 anos que vaian pasar o Nadal en soidade.

Esta iniciativa levarase a cabo entre o 23 de decembro e o 7 de xaneiro en dúas quendas de 8 días cada unha. Inclúe a estancia nunha residencia, aloxamento en habitacións compartidas e manutención en réxime de pensión completa, desprazamento en autobús desde os lugares que se establezan e tamén actividades de animación sociocultural.
As solicitudes deben realizarse no departamento de Servizos Sociais ata o vindeiro día 28 deste mes de novembro. Este programa de promoción do envellecemento activo e convivencia, diríxise especialmente ás persoas maiores que se atopen soas no Nadal por distintas circunstancias.
O programa ten como destinos a Residencia de Tempo Libre do Carballiño (Ourense), e a de Panxón, no municipio de Nigrán.
Ademais de ter 60 anos cumpridos, para participar esíxese que as persoas solicitantes se valgan por si soas, que non estén acollidas nun centro residencias ou que teñen menor nivel de ingresos económicos. Terán preferencia aqueles que non participaran antes no programa. Para recibir máis información, ademais de dirixirse ao departamento de Benestar Social, pode facerse a través do portal web da Consellería de Política Social ou chamando ao teléfono 900 333 666.
“Con este programa preténdese ofrecer unha maior atención a aquelas persoas que vivan soas, para que pasen en compaña doutros maiores unhas datas tan sinaladas como son as festas do Nadal”, engade a concelleira de Benestar Social, Ángela Troitiño.