top of page

Aberto o prazo para inscribirse no “Arzúa + Concilia”, un espazo de lecer e coidados e de apoio ás familias

Será no 23 de xuño ata o 5 de setembro, dividido en 11 quendas semanais


Laura Moure/Arzúa

O Concello de Arzúa abriu onte o prazo de inscrición para o servizo municipal de conciliación “Arzúa + Concilia”, unha proposta dirixida a nenas e nenos nados entre os anos 2013 e 2021 que combina o lecer educativo co dereito das familias a conciliar a vida laboral, persoal e familiar.

O programa desenvolverase no CEIP de Arzúa desde o 23 de xuño ata o 5 de setembro, dividido en once quendas semanais. O horario será de mañá, de 10:00 a 14:00 horas, con opción de entrada temperá (desde as 8:00 horas) e saída flexible ata as 15:00 horas. As inscricións están abertas ata o 26 de maio ás 23:59 horas, a través da sede electrónica ou do rexistro municipal.


O prezo por semana é de 10 € máis IVE, e inclúe bonificacións do 50 % para familias numerosas, monoparentais, vítimas de violencia de xénero ou con cargas de coidados, ademais dun número limitado de prazas exentas de pago para evitar que as familias máis vulnerables queden excluídas deste servizo. 


A concelleira de Igualdade, Lucía López, subliñou que “este programa nace da escoita activa á veciñanza. Cada vez son máis as familias que nos din que sen este tipo de servizos sería imposible compatibilizar o traballo co coidado das crianzas. Por iso decidimos ampliar o orzamento e garantir a súa continuidade no tempo como parte das políticas públicas do Concello de Arzúa”.


O servizo “Arzúa + Concilia” vén substituír ao anterior programa de conciliación en verán, o XogArzúa, e faino co obxectivo de transmitir un cambio de fondo. “As actividades desenvolvidas como XogArzúa eran unha proposta máis dentro da axenda de actividades do ano, pero “Arzúa + Concilia” é o nome dun novo servizo público que vén para quedarse. Este verán será só o comezo dun servizo municipal que terá continuidade tamén nos períodos non lectivos como o Nadal ou a Semana Santa. Sabemos que neses períodos a conciliación dificúltase enormemente, e é precismente por este motivo polo que nace este servizo municipal. A conciliación é un dereito e desde as administracións pública temos que garantilo. O Concello de Arzúa fai un importante esforzo económico, aumentando os recursos que se viñan destinando á conciliación”.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

O servizo non só favorece a conciliación, senón que tamén aposta por un modelo educativo alternativo, baseado na convivencia, na creatividade, na integración e na promoción de valores positivos desde a primeira infancia. Toda a información sobre as bases, os requisitos e a documentación necesaria pode consultarse na web municipal. As familias admitidas recibirán convocatoria para unha reunión informativa antes do inicio da primeira quenda.


Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page