top of page

Aberto o prazo para inscribirse na Campaña da Neve da Deputación da Coruña para o ano 2024

Participarán un total de 600 nenos e nenas de toda a provincia entre eles das comarcas de Arzúa e Terra de Melide


Laura Moure/C. Arzúa/Terra de Melide

A área de Deportes da Deputación da Coruña organiza, entre o 12 de xaneiro e o 19 de febreiro de 2024, diversas viaxes á estación invernal de Valgrande-Pajares (Asturias) para impulsar a práctica do esquí entre a mocidade de 11 a 15 anos de idade dos municipios coruñeses. Poderán participar un total de 600 nenos e nenas de toda a provincia, que se repartirán en seis quendas de catro días de duración cada unha.

Con esta campaña, a institución provincial pretende "que os rapaces e rapazas da provincia da Coruña poidan iniciarse ou perfeccionar as súas habilidades no esquí, ao mesmo tempo que participan noutras iniciativas deportivas e culturais organizadas de xeito complementario", indicou o deputado de Deportes, Antonio Leira.


As viaxes terán un custe de 85 euros e inclúen transporte, estadía de catro días na estación de Valgrande-Pajares, clases de esquí, monitores, seguros, alugamento de material, remontes mecánicos e todo o gasto que ocasionen as actividades e cursos programados. Terá prioridade na inscrición a rapazada que nunca fora a ningunha campaña de neve da Deputación.


Publicidade

Desde a institución provincial recoméndase aos e ás asistentes que leven consigo gorro, luvas, gafas de esquí e de sol, anorak térmico, pantalón impermeable ou similar, roupa de rúa e deportiva, chuvasqueiro, mochila pequena, útiles de aseo, pixama e crema solar.


Inscrición aberta nos concellos ata o 1 de decembro

Os interesados e interesadas en participar deberán presentar no seu concello a ficha de inscrición debidamente cuberta e asinada polos pais ou titores do solicitante, fotocopia da tarxeta sanitaria e do carné de identidade e copia do aboamento da cota de inscrición (unha vez a praza estea confirmada).


Publicidade

O prazo para apuntarse xa está aberto e remata o 1 de decembro de 2023. No caso de que se soliciten máis prazas das dispoñibles, os concellos sortearán estas entre os e as solicitantes.


A ficha de inscrición e toda a información correspodente á Campaña de Esquí 2024 pódese descargar da páxina web da Deputación da Coruña https://www.dacoruna.gal/files/9316/9944/7612/Ficha_de_inscricion_Campana-Neve_2024.pdf



0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page