Os tres mellores de cada categoría recibirán bonos para utilizar nos establecementos adheridos á campaña "Que a vergoña sexa deles", cun valor de 150 €, 100 € e 50 €
Laura Moure/Arzúa
Desde onte, as crianzas e mozos/as nados/as entre 2000 e 2014 poden participar no Concurso de Relato Curto "Arzúa contra as Violencias Machistas", unha iniciativa do Concello de Arzúa que busca promover a reflexión sobre esta problemática social a través da creación literaria en lingua galega. Esta actividade forma parte da campaña de concienciación "Que a vergoña sexa deles" que ten como obxectivo concienar e divulgar sobre a problemática social das violencias machistas.

Os relatos deberán abordar a temática das violencias machistas en calquera das súas formas, promovendo valores de igualdade e respecto. O prazo para presentar as obras remata o próximo 4 de decembro de 2024, ás 23:59 horas, e os traballos deben enviarse a través do formulario habilitado na páxina web oficial do Concello.
O concurso conta con dúas categorías:
Categoría A: Participantes nados/as entre 2011 e 2014.
Categoría B: Participantes nados/as entre 2000 e 2010.
Un xurado especializado valorará as obras segundo criterios de orixinalidade, calidade literaria e capacidade de sensibilización. Os tres mellores relatos de cada categoría recibirán bonos para utilizar nos establecementos adheridos á campaña "Que a vergoña sexa deles", cun valor de 150 €, 100 € e 50 € respectivamente.
Publicidade
A entrega de premios realizarase o día 12 de decembro de 2024 nun acto institucional. Para consultar as bases completas e acceder ao formulario de inscrición, visite a web oficial do Concello: arzua.gal.
"Desde o Concello de Arzúa animamos á mocidade a participar neste certame, contribuíndo coa súa creatividade a construír unha sociedade máis igualitaria e libre de violencia".
Comments