Aberto o prazo de inscrición para as “Pedaladas pola Igualdade” de Arzúa
- Laura Moure

- 27 feb
- 2 min de lectura
Celebrarase o vindeiro 8 de marzo no marco da programación municipal do Día Internacional das Mulleres Traballadoras
Laura Moure/Arzúa
O Concello de Arzúa, a través da Concellería de Igualdade, informa da apertura do prazo de inscrición para participar nas Pedaladas pola Igualdade, actividade que se celebrará o vindeiro 8 de marzo ás 11:00 horas, con saída desde a Praza de Galiza, no marco da programación municipal do Día Internacional das Mulleres Traballadoras.

A proposta, programada a iniciativa do Clube de Ciclismo Arzúa Bike, consistirá nunha ruta circular de 4 quilómetros polos arredores de Arzúa, de baixa dificultade e apta para todos os niveis. Trátase dunha iniciativa gratuíta e pensada para todas as idades, desde nenas e nenos ata mulleres e homes adultos, dirixida ao conxunto da veciñanza. Para participar será necesario traer bicicleta propia.
A actividade nace coa vontade compartida de facer do deporte un espazo tamén comprometido coa igualdade, contribuíndo a visibilizar o papel das mulleres no ámbito deportivo e promovendo a participación en condicións de equidade. A iniciativa combina actividade física e reivindicación social, facendo do 8M unha xornada participativa e consciente.
Publicidade
O prazo para formalizar a inscrición permanecerá aberto do 26 de febreiro ao 6 de marzo, a través do formulario dispoñible na páxina web municipal www.arzua.gal A concelleira de Igualdade, Lucía López, sinalou que “o 8 de marzo nace das mobilizacións das mulleres traballadoras e segue sendo un día para esixir igualdade efectiva en todos os ámbitos da vida. Tamén no deporte. Estas Pedaladas simbolizan ese movemento compartido cara adiante: ocupar o espazo público e avanzar sen dar un paso atrás”.
Engadiu que “escollemos este formato porque cremos nun 8 de marzo vivido na rúa e en colectivo, facendo visible que a igualdade só se constrúe coa implicación activa de toda a sociedade. Desde a Concellería de Igualdade queremos agradecer ao Clube Bike Arzúa esta proposta, que entende o deporte como unha ferramenta de transformación social e como un espazo desde o que comprometérmonos, mulleres e homes, cunha igualdade real e sen retrocesos”.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Arzúa en Igualdade
Baixo o lema da campaña deste ano, “Arzúa en Igualdade. Agora e sempre, nin un paso atrás”, o Concello continúa desenvolvendo accións que combinan educación, cultura, participación e acción pública como ferramentas para construír unha igualdade real e efectiva.
A actividade está organizada en colaboración co Clube Bike Arzúa, ao que o Concello quere agradecer expresamente a súa implicación e o seu compromiso coa igualdade tamén no ámbito deportivo, un espazo no que resulta fundamental seguir traballando para garantir participación e visibilidade en condicións de igualdade. O Concello anima á veciñanza a sumarse a esta iniciativa e a participar activamente na programación do 8 de marzo.
NOTICIA RELACIONADA:
O Concello de Arzúa presenta a programación do 8 de marzo baixo o lema “Arzúa en Igualdade”: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-concello-de-arz%C3%BAa-presenta-a-programaci%C3%B3n-do-8-de-marzo-baixo-o-lema-arz%C3%BAa-en-igualdade







Comentarios