Aberto o prazo de inscrición para a 22ª edición da Liga Local de Fútbol Sala de Arzúa
- Laura Moure
- 26 feb
- 1 Min. de lectura
Laura Moure/Arzúa
A Concellería de Deportes de Arzúa abre o prazo de inscrición para a 22ª edición da Liga Local de Fútbol Sala, unha competición consolidada que cada ano reúne equipos de toda a contorna.

Tras o éxito da pasada edición, a primeira que se celebrou tras a interrupción provocada pola COVID-19, a organización espera unha nova tempada con gran participación. Desde a concellería fan un chamamento á veciñanza para que se anime a competir, independentemente do nivel, mantendo sempre o espírito de deportividade e o fair play que caracteriza o torneo.
O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, salienta a importancia desta iniciativa para a dinamización da vida municipal: "O deporte é unha práctica clave que axuda a fortalecer os lazos sociais, fomentar hábitos saudables e dinamizar a vida do noso concello. A Liga Local de Fútbol Sala converteuse nunha tradición en Arzúa, promovendo a participación e o espírito de equipo entre a nosa veciñanza."
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 14 de marzo. As persoas interesadas en participar poden obter máis información e formalizar a súa inscrición a través da Concellería de Deportes, chamando ao teléfono 981 50 02 22.
Desde o Concello de Arzúa anímase a toda a veciñanza e aos equipos da contorna a sumarse a esta nova edición, que traerá de volta os luns de fútbol sala ao municipio, reforzando a paixón polo deporte e o compromiso cunha vida activa e saudable.
Komentarze