top of page

Aberto o prazo de inscrición nas Escolas Deportivas Municipais e nas actividades para adultos no Pino

As novidades do curso 2025-2026 son o xadrez para escolares e os circuítos funcionais, os bailes e a incorporación de hipopresivos nas clases de pilates para adultos


Laura Moure/O Pino

O Concello do Pino pon en marcha desde onte, luns 8 de setembro, o prazo de inscrición para participar nas Escolas Deportivas Municipais e nas actividades deportivas destinadas a persoas adultas e maiores durante o curso 2025-2026. A veciñanza poderá formalizar a matrícula ata o 10 de outubro, tanto de forma presencial no Rexistro Xeral do Concello como a través da plataforma en liña habilitada polo Concello (https://appreservas.com/reservas_galileo/6703f99c7fdbe8005f8c45c4 ), aínda que nesta

última opción só estará dispoñible para usuarios que se inscriban nunha única actividade.


No caso de apuntarse a varias actividades, de pertencer a unha familia numerosa ou de aplicar algún desconto, será preciso acudir presencialmente ao departamento de Deportes ou contactar directamente co Concello para completar correctamente a inscrición. O horario de atención é de 9:00 a 14:00 horas de luns a venres. A oferta deste ano inclúe novidades tanto nas escolas deportivas como nas actividades para adultos e maiores. Para a rapazada, ademais das disciplinas habituais, introdúcese a práctica do xadrez, que se suma a actividades como patinaxe, ximnasia rítmica, psicomotricidade, baile moderno, bádminton, multideporte e fútbol sala. As clases para escolares desenvolveranse nos polideportivos municipais de Reboredo, no centro escolar, e de

Lameiro, así como en horario especial de conciliación de 15:30 a 16:30 horas, que contan

tamén coa financiación do Concello pero se organizan a través da ANPA do CPI Camiño de

Santiago. O programa espallarase ata o 31 de maio.

ree

A maioría das clases terán horario de tarde de luns a venres salvo ximnasia rítmica, que

volve ter programadas dúas hora os sábados pola mañá, de 10.00 a 12.00, en Lameiro,

segundo o grupo de idade.


O prezo será de 40€ anuais por actividade para menores empadroados e de 60€ para non

empadroados. O segundo e sucesivos irmáns así como a realización de máis dunha actividade contarán cunha bonificación do 50%.


Novas propostas para as persoas adultas

Para as persoas maiores de 16 anos, a programación tamén se amplía con propostas innovadoras. Este ano inclúense circuítos funcionais, clases de bailes de salón e latinos, e

nas sesións de pilates incorporarase unha parte de hipopresivos. Estas actividades desenvolveranse no polideportivo de Lameiro, agás pilates e ioga, que se impartirán no Centro Sociocultural Luis Seoane, ata o 30 de xuño.


Mantense o prezo de 55€ anuais por actividade para empadroados e de 75€ para non

empadroados, aplicándose a metade na segunda actividade e sucesivas. Ademais, disciplinas como zumba, GAP e circuítos de forza continuarán formando parte da oferta deportiva habitual.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Programa de Envellecemento Activo

O programa tamén contempla ás persoas maiores cun Programa de Envellecemento Activo, que inclúe ximnasia nos locais sociais das parroquias de Pastor, Lardeiros, Gonzar, Ferreiros e Budiño. O custo será de 45€ ao ano para persoas empadroadas e de 90€ para non empadroadas, aplicándose descontos do 50% na realización de máis dunha actividade.


O Concello lembra que os horarios das actividades poden sufrir modificacións unha vez comecen as mesmas. Compre salientar ademais que a participación en calquera das actividades implica o pagamento íntegro da cota no momento da inscrición, sen opción a

devolucións salvo cancelación da actividade, nin a posibilidade de fraccionamento dos pagos.


Cada actividade require un mínimo de oito persoas para celebrarse, e en caso de non

acadarse este número, a actividade será cancelada unha vez finalizado o prazo de inscrición.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Toda a información sobre prazos, formularios, normativa e pagos está dispoñible na web municipal: www.opino.gal As persoas interesadas tamén poden obter información e

resolver dúbidas chamando ao departamento de Deportes do Concello, no teléfono 981 511 002, extensión 6.


Co inicio destas actividades, o Concello do Pino pretende fomentar a actividade física e o

benestar da veciñanza de todas as idades, ofrecendo unha programación completa e variada que combina diversión, aprendizaxe e hábitos saudables durante todo o curso escolar.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page