Aberto o prazo ata o 15 para produtores locais ou artesáns que queiran participar no Festival da Luz
Celebrarase en Boimorto os vindeiros días 27 e 28 de agosto
Laura Moure/Boimorto
Un ano máis, a Deputación da Coruña promocionará os produtos artesanais, gastronómicos e ecolóxicos da provincia no Festival de La Luz , que se celebrará en Boimorto os vindeiros días 27 e 28 de agosto de 2022.

A área de Promoción Económica da Deputación ten aberto ata o vindeiro día 15 de xullo o prazo de solicitudes para aquelas empresas da provincia dedicadas á elaboración de produtos artesanais, ecolóxicos, creativos, innovadores...que queiran participar nas exposicións, presentacións ou degustacións de produtos que acolle o Mercado da Luz, unha das zonas máis atractivas do recinto onde se celebra este evento musical. A Deputación reservará tamén un posto propio para promocionar a provincia como destino turístico entre as miles de persoas que asisten ao festival.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, lembrou "o éxito" na pasada edición do festival, que contou coa participación de 42 produtores e artesáns locais no Mercado da Luz e destacou que "ademais de terse consolidado como un evento cultural e solidario de referencia, o Festival de La Luz é un excelente escaparate para mostrar o enorme potencial do rural coruñés no ámbito da artesanía, a sustentabilidade a creatividade e a innovación".
Na edición deste ano primarase a presenza de programas educativos que fomenten a conservación do medioambiente e a sustentabilidade, e os produtos artesáns que se presenten baixo a supervisión de entidades sen ánimo de lucro ou que conten con selos oficiais que acrediten e recoñezan os seus produtos artesanais, de proximidade ou elaborados con materias primas autóctonas e naturais.
As bases desta iniciativa publícanse Boletín Oficial da Provincia do pasado día 22. Os interesados poden dirixir as súas solicitudes a festivaldaluz@dacoruna.gal, xunto cos seus datos e descrición da súa actividade.