O premio económico increméntase ata os 1.500 euros
Laura Moure/Arzúa
A 50.ª edición da Festa do Queixo trae consigo unha nova convocatoria do concurso musical Queixo Maquetón 2025, dirixido a grupos e solistas emerxentes de todo o Estado español. Dende o 20 de decembro de 2024 e ata o próximo 15 de xaneiro de 2025 ás 15:00 horas, estará aberto o prazo para a presentación de propostas. O certame non só é unha xanela para dar a coñecer a novos talentos, senón que tamén garante un impacto promocional ao ceder os temas presentados para a difusión do evento.

Este prestixioso certame busca dar visibilidade ao talento musical emerxente dentro dos xéneros do pop rock e novas tendencias. O gañador ou gañadora do concurso recibirá un premio de 1.500 € e a oportunidade de actuar no escenario principal da Festa do Queixo, o próximo 15 de marzo de 2025.
Algúns dos requisitos para participar son:
Poderán participar grupos ou solistas residentes en España que non publicasen ningún álbum, agás se é autoeditado ou se non teñen contrato discográfico vixente.
Admítense traballos dentro de xéneros como Rock, Pop, Indie, Electrónica, entre outros.
Cada participante deberá enviar:
Os títulos de tres cancións publicadas en plataformas como MySpace, Bandcamp ou similares.
Unha fotografía en formato JPEG.
Unha breve biografía en formato DOC.
Datos de contacto (dirección, CP, teléfono, correo).
O envío debe realizarse ao correo: proxectoqueixomaqueton@gmail.com.
Publicidade
Ademais, queda estritamente prohibido o uso de intelixencia artificial (IA) na creación de letras, melodías ou arranxos musicais. En caso de sospeita, a organización poderá solicitar evidencias do proceso creativo.
O xurado, composto por profesionais do sector musical e membros da organización, valorará a calidade musical e artística das propostas. O nome do gañador anunciarase entre o 22 e o 30 de xaneiro de 2025, e o concerto terá lugar entre as 20:30 e as 21:30 horas do 15 de marzo de 2025.
As bases no seguinte enlace: https://www.festadoqueixo.org/wp-content/uploads/2024/12/Bases-Queixo-Maqueto%CC%81n-GAL-2025-.pdf
Comments