Abel Losada informa do gran avance do despregue da fibra óptica na comarca de Deza
- Laura Moure
- 30 abr 2024
- 3 Min. de lectura
Silleda e Vila de Cruces teñen conectado preto do 90% do territorio e Rodeiro completará o despregue antes de finalizar o ano
Laura Moure/Deza
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, informou do “imparable avance” no despregue da fibra óptica na comarca de Deza, zona que puxo como exemplo do esforzo do Goberno de España, a través do Ministerio de Transformación Dixital, por levar a conectividade con velocidades simétricas mínimas de 100 “megas” ao segundo “ata o último recuncho do último municipio dunha provincia cunha densidade de poboación tan alta e tan dispersa como a nosa”.
O subdelegado desprazouse hoxe á parroquia de Santabaia, en Rodeiro onde supervisou, xunto co alcalde, José Luís Camiñas, co tenente de alcalde, Alberte Lamazares, coa concelleira de Transformación Dixital, Patricia Hermida, e co delegado de Rede Aberta, Óscar Barreiro, os traballos de despregue da fibra que se levan a cabo neste municipio.
Losada explicou que o na comarca, Silleda e Vila de Cruces xa teñen despregada a fibra no 90% do territorio, aproximadamente. Lalín tamén se atopa en fase avanzada e proseguirá o despregue con axilidade ata finalizar o ano. No caso de Rodeiro veñen de comezar as actuacións e calcúlase que estarán rematadas nun prazo de seis meses. Proximamente darase tamén inicio ao desprege en Agolada para tratar de conectar todo o municipio antes de rematar o ano.

Abel Losada aproveitou para instar a todos os municipios da provincia a axilizar os permisos que poida haber pendentes para acometer as intervencións necesarias no extensión da fibra nesta recta final do Plan ÚNICO-Banda Ancha do Goberno, financiado con fondos europeos do Plan de Recuperación. O subdelegado incidiu no papel destacado que a provincia de Pontevedra mantén na execución dos plans de conectividade a internet de alta velocidade, onde se coloca no noveno posto do total de 52 provincias en canto a axilidade na tramitación de permisos para o seu despregue.
Rede Aberta é a firma encargada de realizar os traballos de tendido de fibra da anualidade de 2024 e mantén en fase de planificación os correspondentes ata 2025, ano no que se alcanzará a cobertura en toda a provincia. A empresa, cunha adxudicación de 7.685.861 euros neste contrato estatal, ten previsto un investimento total na súa rede que chegará aos 9.675.858 euros, dado que se trata dun operador neutro que aluga a súa infraestrutura aos operadores provedores de servizos finais.
Publicidade
En total está previsto que na provincia de Pontevedra se instalen 3,5 millóns de metros de fibra óptica para levar o servizo a tódolos núcleos de aquí a decembro de 2025, “o que supón un gran esforzo de enxeñería para encaixar todo ese cableado principal e secundario e os nodos de conexión”.
Actualmente as zonas nas que se está tendendo cable de maneira máis avanzada son o norte do Deza (Lalín e Rodeiro) o Val Miñor (especialmente en Nigrán), o Baixo Miño, Arousa e a zona da Luriña (O Porriño, Mos e Salceda de Caselas), así como a Paradanta (Arbo e As Neves). Abel Losada indicou que nesta fase, o plan ÚNICO-Banda fará chegar a fibra óptica a outras 18.104 unidades familiares e empresas de aquí a finais de 2025 “mellorando así a nosa competitividade e facendo posible que todo o mundo desenvolva un proxecto laboral e de vida alá onde decida residir”. “Non hai mellor investimento para equiparar territorios que equiparar servizos”, insistiu.
Commentaires