Abel Losada inaugura en Silleda a exposición ‘Amigo, dáte conta’ para concienciar sobre o machismo
- Laura Moure
- 21 feb
- 2 Min. de lectura
A mostra recolle conversas cotiás sobre a violencia contra a muller e poderá visitarse durante as vindeiras semanas na praza da Igrexa
Laura Moure/Silleda
Tras facer parada en Vigo e Meis, chega a Silleda co gallo do 8M a exposición ‘Amigo, dáte conta’, organizada pola Delegación do Goberno en Galicia. A mostra presenta, a través de carteis informativos e viñetas, actitudes relacionadas coa violencia machista, fundamentalmente no ámbito da parella, para concienciar a poboación máis nova.

O subdelegado do Goberno en Pontevedra inaugurou a mostra xunto coa alcaldesa, Paula Fernández, a tenente alcalde, Mónica González, a concelleira de Igualdade, Ángela Troitiño, a psicóloga do CIM, Anxos García, e a responsable da Unidade de loita contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, María José Rodríguez. Losada lembrou que a iniciativa busca poñer o foco na concienciación da mocidade, “que é quen está a construír a sociedade do futuro, na que non debe ter cabida ningún tipo de expresión da violencia machista”.
A mostra ‘Amigo, dáte conta’, que poderá ser visitada na praza da Igrexa de Silleda, consta de seis prismas que recrean conversas cotiás a través dunha linguaxe próxima á xuventude, con carteis informativos e viñetas que reflicten actitudes e realidades de violencias machistas, en especial no ámbito da parella. A alcaldesa de Silleda valorou especialmente que a mostra vaia estar no seu municipio durante a celebración do 8M e agradeceu que se atendera a súa petición por parte da Subdelegación.
Publicidade
Nos debuxos reflíctense situacións e comportamentos de desprezo, machismo, violencia psicolóxica, abuso emocional e obsesión. Ademais das viñetas, na exposición pódense ler varias frases con datos sobre violencias procedentes do estudo ‘La situación de la violencia contra las mujeres en la adolescencia en España’, realizado polo Ministerio de Igualdade sobre unha mostra de máis de 13.000 persoas de 14 a 20 anos.
Losada reivindicou a importancia de iniciativas como esta, que levan á rúa o problema da violencia de xénero en contra das voces negacionistas que tratan de minimizalo ou mesmo negar a súa existencia. “Por incrible que pareza, en pleno século XXI hai partidos políticos que din que a violencia de xénero é un invento ideolóxico e que miran con indiferenza ás dramáticas cifras dos feminicidios”.
Recordou que o ano pasado faleceron 48 mulleres en España, dúas delas (Fátima e Estela) na provincia de Pontevedra e reafirmou o compromiso do Goberno de España na loita contra esta lacra. “Estes días, case tódalas forzas políticas estamos de noraboa porque acordamos a renovación do Pacto de Estado de Violencia de Xénero; é algo que ten relevancia por si mesmo, polo asunto do que falamos, pero tamén polo feito de que se produce nun momento no que os acordos políticos transversais, mesmo en asuntos de Estado, son extremadamente complicados de alcanzar dado o clima de crispación que invade a política”.
Kommentare