top of page
Foto del escritorLaura Moure

Abanca Semana Verde arranca hoxe en Silleda con 746 expositores directos que supoñen a súa mellor cifra en 17 anos

Haberá máis de 200 actividades distintas, que inclúe tanto propostas lúdicas como profesionais



Laura Moure/Silleda

A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia abre hoxe, xoves 30, en Silleda as portas da súa 46ª edición, unha cita que será inaugurada polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, ás 11.00 horas. Este ano o certame alcanza a súa mellor cifra de expositores directos dos últimos 17 anos, estando presentes 746 empresas e entidades de seis países, o que supón preto dun 1% máis que o ano pasado. A eles súmanse 340 firmas representadas, as cales xunto ás empresas presentes directamente proceden de 26 países. Estes expositores ocupan 16.731 metros cadrados netos, que sumados aos correspondentes ás actividades ascende a máis de 75.000.


Ademais, a feira rexistra novos récords nos salóns de alimentación e turismo. Así, Salimat Abanca, consegue a súa maior cifra de expositores, con 277 empresas que superan nun 3,3% a súa mellor edición, a de 2022. Pola súa banda, Turexpo Galicia, chega aos 98 expositores e unha superficie de 1.624 metros cadrados, o que supón respectivamente un 3,1% e un 2,6% máis que na súa mellor edición, a do ano pasado.

Autor: Ecos da Comarca.

A feira, que contará con gran cantidade de novas participacións na súa área expositiva, destacará unha vez máis pola súa diversidade, xa que ademais dos certames paralelos, centrados en alimentación, turismo, caza, pesca e natureza, contará con numerosos sectores que van desde gandería, bioenerxía, pequena maquinaria ou ferramenta ata mobiliario ou artesanía, ademais de moitos outros produtos e servizos. Un atractivo que se traslada ao seu amplo programa, con actividades tanto para profesionais como para público xeral.


Os asistentes poderán acceder de forma gratuíta por décimo cuarto ano consecutivo. Só se aboará o aparcadoiro, cun módico prezo de 3€ destinado un ano máis a incrementar a calidade do programa de actividades.


Multitude de novidades no seu programa

Nesta edición volverá destacar o seu amplísimo programa, con máis de 200 actividades distintas, moitas das cales se repetirán ao longo do certame e entre as que haberá numerosas novidades. O salón Salimat Abanca será de novo punto de encontro do sector alimentario e gastronómico. Os seus Encontros Internacionais de Compradores, organizados co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), permitirán ás empresas reunirse con 33 importadores e distribuidores de 19 países, un 22% máis que na anterior edición. A súa área Alinova mostrará máis de 60 innovacións, como paté de lacón de porco celta con froito de érbedo e millo corvo, aceite con esencia de anchoa

ou marmelada de allo negro, mentres que no seu programa haberá numerosas catas, showcookings con reputados chefs, talleres de cociña, o concurso popular de tortilla española ou o Encontro Gastroblogger.


Publicidade

Turexpo Galicia e Festur, que se celebran co respaldo da Axencia Turismo de Galicia, contarán coa presenza de empresas e entidades do sector turístico, entre as que destacan as novas participacións e tamén 41 concellos e xeodestinos que

promocionarán máis de 50 festas galegas de interese turístico, a maior cifra deste evento. Na súa vertente profesional inclúese o VII Encontro de Bloggers de Turismo e destacará a Bolsa de Contratación Turística, con 33 turoperadores con presenza en 11 países que buscarán propostas no salón e entre os que se estrean Xordania e Filipinas.


En canto a Fecap Abanca, ofrece de novo un interesante programa, con propostas como a Mostra, Desfile e Presentación de Cans de Caza, exhibicións de cetrería e de pointer inglés, tiro con arco, un simulador, unha exposición de trofeos de caza ou un seminario de agility.


As actividades caninas e ecuestres volven ser outro dos atractivos do programa, podendo gozar no caso das primeiras con propostas como a Copa Federación Abanca Semana Verde de agility, propostas do Can de Palleiro ou unha exhibición da Unidad Cinológica drl Tercio Norte de Infantería de Marina. Nas ecuestres destacará un novo e sorprendente espectáculo con cabalos, ponis, aguias e cans con sete números moi dinámicos de doma en liberdade que combinará a alta escola con exercicios tan arriscados como a “posta húngara”, na que o condutor do espectáculo se subirá a dous cabalos ao mesmo tempo cun pé no lombo (protexido) de cada un deles. Sumarase o XI Galician Championship E.C.A.H.O Internacional C de cabalos árabes, unha proba de obstáculos tamén desta raza de cabalos ou un taller sobre “Coidados do poni”.


Publicidade

Na área gandeira destacarán as razas autóctonas de Galicia, con exposicións tanto de Rubia Galega e de Galiña Piñeira como de todas as razas en perigo de extinción, realizando tanto estas últimas como a Galiña Piñeira concursos morfolóxicos, ademais do IV Concurso Nacional de Manexo de Porco Celta, unha exhibición de doma de alta escola con cabalos de Pura Razas Galega e dúas exhibicións de “aloitadores” que realizarán unha rapa das bestas nun curro con eguas de Pura Raza Galega. Así mesmo, contará con impresionantes bois de razas autóctonas e portuguesas, unha exhibición de tiro con carro tradicional galego, o XXVI Monográfico de Gando Porcino baixo o título “Retos aos que se enfronta o sector porcino” ou conferencias sobre novos paradigmas no cultivo de vide ou sobre ferramentas dixitais aplicadas á optimización de cultivos agrarios e a mellora da xestión forestal.


Sumaranse talleres, como os da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e outras propostas lúdicas de gran interese como unha exposición de dinosauros animatronics, a IX Carreira Popular, o V Open de Xadrez, realización de esculturas con motoserra, actividades multiaventura ou shows de motor, entre eles un protagonizado por especialistas de cinema que traballaron na película Misión Imposible e a única muller española que realiza espectáculos acrobáticos con motos de alta cilindrada.


Horario: De xoves a venres de 10:00 a 20:00 horas e a fin de semana: de 10:00 a 21:00 horas.


0 comentarios

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page