Abanca Cimag-GandAgro e Medio Rural únense para abordar aspectos clave en sanidade animal
- Laura Moure
- 17 feb
- 2 Min. de lectura
Será durante esta cita que se celebrará do 20 ao 22 de febreiro na Feira Internacional de Galicia ABANCA, en Silleda
Laura Moure/Silleda
A feira Abanca Cimag-GandAgro 2025, a cal terá lugar do 20 ao 22 de febreiro na Feira Internacional de Galicia ABANCA, en Silleda (Pontevedra), será un proveitoso foro para o intercambio de coñecementos no sector agropecuario. Así o demostra o seu programa de actividades, no que terán un papel importante as xornadas técnicas.

Entre estas, destacarán as organizadas pola Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia. A primeira delas terá lugar o xoves 20 de febreiro e será unha xornada formativa e informativa para a incorporación de persoas mozas e novos agricultores ao rural, a cal será inaugurada polo director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros.
Os relatorios comezarán expoñendo os principais fitos na execución do Plan Empresarial e a xustificación das axudas, de man de Pablo Gómez, xefe de servizo de Explotacións e Asociacionismo Agrario. A continuación, abordarán a importancia dos seguros agrarios, a cargo do director territorial da Rexión Norte de Agroseguro. Para finalizar, Víctor Novo, xefe de servizo de Sanidade e Produción Vexetal da Consellería, explicará a situación actual da regulamentación no sector agrario, o caderno de explotación e a ferramenta informática da Consellería.
Publicidade
A segunda das xornadas terá lugar o venres 21 de febreiro e analizará aspectos de relevancia en canto a sanidade animal. Tras a súa apertura por parte dun representante da Consellería do Medio Rural, Jesús Javier Orejas, xefe de servizo de Sanidade Animal da Consellería, informará sobre a situación da EHE e da lingua azul en Galicia. A continuación, Francisco Javier Villaamil, veterinario da Agrupación de Defensa Sanitaria Costa da Morte, falará sobre a bioseguridade nas explotacións bovinas, para logo dar paso a un coloquio entre os asistentes.
Experiencias de Calidade
Ademais, por parte da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) da Consellería do Medio Rural, todos os días do certame desenvolveranse varias sesións gastronómicas con produtos galegos con indicativo de calidade: Tenreira Galega, Lacón Galego, Grelos de Galicia, Castaña de Galicia, Pataca de Galicia, Mel de Galicia e os catro queixos con denominación de orixe –isto é, Cebreiro, Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa e Queixo Tetilla–, acompañados dos cinco viños galegos con denominación de orixe – Ribeiro, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Valdeorras e Monterrei - e de pan das indicacións xeográficas protexidas Pan Galego e Pan de Cea. Ademais, haberá unha sesión con produtos de “Artesanía alimentaria de Galicia”.
Terán lugar na aula de Experiencias de Calidade que esta entidade ten na feira e na que se desenvolverán actividades de cociña en directo coa degustación destes produtos, dirixidas polo chef Marcos Arufe, do Espazo Gastronómico Remollo, en colaboración con persoal dos consellos reguladores implicados.
Comments