Reunirá a máis de 70 persoas chegadas dende distintos puntos de Galicia e doutras comunidades
Laura Moure/Vila de Cruces
A parroquia cruceña de Merza volve acoller a partir do vindeiro domingo 16 de xullo
unha nova edición do certame Merzapercursión. O festival, que acada a maioría de
idade celebrando a súa décimo oitava edición, reunirá a máis de 70 persoas chegadas
dende distintos puntos de Galicia e doutras comunidades, que participarán ata o
xoves día 20 como alumnos nas diferentes aulas e actividades programadas durante catro intensas xornadas.
Publicidade
O alumnado terá a oportunidade de traballar a percusión nos seus diferentes estilos: dende a percusión orquestal, solista, ensemble, tradicional, brasileira ata a percusión corporal, afondando nalgúns dos moitos xéneros musicais nos que a percusión está presente.
O curso vai da man do Festival Internacional de Percusión (FIP) que ofrecerá concertos abertos a todo o público dende o domingo co concerto inaugural a cargo de Odaiko, e que continuarán ata xoves con Noé Rodrigo & Marianna Bednarska.
Tamén a formación Píscore presentará no marco deste festival o seu novo espectáculo “Molto Barroco”. LAR Legido, Mario Cortizo e o concerto de clausura a cargo do alumnado do curso completan o programa.
Comentarios