top of page
Perruquería Marisa.gif

A XV Foliada de Melide acollerá as actuacións de Tanxugueiras e Comando Curuxás

Ademais de recuperar os tradicionais Cantos de Taberna e o Serán con grupos de Melide e outros puntos de Galicia


Laura Moure/Melide

A Foliada de Melide celebra a súa XV edición o 23 e 24 de abril. O evento, cuxa última edición tivo lugar en 2018, é unha das citas de música e baile tradicional máis destacadas e multitudinarias de Galicia. Nesta edición de 2022, por primeira vez organizada polo Concello, retomaranse os elementos tradicionais das citas previas e contarase cunha sólida oferta musical onde destaca a presenza das Tanxugueiras en concerto.


A presentación desta XV Edición tivo lugar hai uns días na Praza do Convento de Melide, coa presenza do alcalde, José Manuel Pérez, e a concelleira de Cultura, Mayka Basalo. Ambos os representantes institucionais salientaron que a Foliada de Melide é un evento consolidado. Nesta ocasión, o Concello recolle o testemuño da Asociación Cultural O Castelo, tradicional organizadora do evento. Faino, en palabras da edil de Cultura, “con todo o respecto polo formato da Foliada e polo legado de catorce edicións previas organizadas por O Castelo, e toda a vontade para que siga medrando como unha das principais festas de música tradicional galega”.

Nesta edición volverán as actividades tradicionais como o Serán e o Concurso de Cantos de Taberna durante o sábado 23. Este último celebrará a súa 11ª edición na zona dos viños dende as 12 da mañá. Dende o ano 2009, o mediodía do sábado sempre acolleu este evento onde todas as persoas asistententes poden gozar dos cantos polos locais da zona antiga de Melide.


En canto ao Serán, celebrarase ás 19:30 horas e participarán, como viña sendo tradicional, grupos chegados de todo Melide e de concellos da súa contorna como Toques, Santiso, Arzúa, Palas de Rei ou Sobrado dos Monxes, así como doutros puntos de Galicia coma a comarca do Morrazo.


Na noite do sábado terá lugar, a partir da medianoite, o concerto de Comando Curuxás na Praza do Convento. Cun amplo repertorio vocal e instrumental e unha vocación ligada á música tradicional, o seu espectáculo incluirá ritmos bailables para compor unha actuación que gustará a todo o mundo.

A potente programación musical rematará o domingo, a partir das 19:00 horas, coa actuación das Tanxugueiras no Parque Rosalía de Castro. O terceto conformado polas irmás Sabela e Olaia Maneiro e Aída Tarrío, que reinterpreta e achega a unha nova xeración a música tradicional galega, ofrecerá así en Melide unha das súas primeiras actuacións despois do seu importante resultado na carreira para representar a España en Eurovisión.


A XV edición da Foliada contará novamente coa mostra de artesanía, que reunirá artesáns de todo o país en postos que inclúen elementos tan diversos como instrumentos musicais, traxes tradicionais ou tallas en madeira, pedra e coiro. Un ano máis será un dos puntos fortes da Foliada, onde as persoas asistentes poderán asomarse por unha fiestra á nosa máis viva tradición. A concelleira de Cultura, Mayka Basalo, anticipou que esta edición volverá ser “unha festa protagonizada pola nosa música tradicional”. Basalo prometeu que a Foliada será “un evento familiar e plural cheo de actividades” e agradeceu á Asociación O Castelo “o seu esforzo durante máis dunha década para que a Foliada fose posible e tivese o éxito que ten”. Tamén agradeceu á Asociación “a súa plena colaboración e asesoramento para a posta en marcha desta edición”.

252 visualizaciones0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
bottom of page