top of page
Foto del escritorecosdacomarca

A xustiza dá a razón ao Concello de Melide sobre a aprobación da Relación de Postos de Traballo

O fallo xudicial inadmite o recurso contencioso administrativo presentado por CSIF e desestima o presentado polas persoas que foron integrantes do grupo municipal do Partido Popular durante o mandato 2019-2023


Ecos da Comarca/Melide

O Xulgado do Contencioso Administrativo nº4 da Coruña vén de emitir un fallo xudicial no que rexeita senllos recursos contenciosos administrativos presentados contra a aprobación da Relación de Postos de Traballo do Concello de Melide. Estes recursos foran presentados polo sindicato CSIF e por Dalia García Couso, María Jesús López, Natividad Laya, Raquel Rúa, Jesús Vidal e Pablo Costoya, concelleiros do grupo municipal do Partido Popular durante o mandato 2019-2023.

A xuíza rexeita, con argumentos fundamentados e de forma individualizada, cada un dos

recursos no seu fallo. No caso do presentado polo sindicato CSIF, decide inadmitilo,

mentres que desestima o presentado polo grupo de edís do Partido Popular. Ambos os

dous procedementos xudiciais, abertos por separado, acumuláronse en xullo deste ano

pola similitude da causa.


No caso do recurso contencioso administrativo presentado por CSIF, o sindicato actuaba

contra a denegación, por silencio administrativo, das súas alegacións contra a aprobación

inicial da RPT en decembro de 2021, e os actos derivados da mesma. O Concello, na

vista do xuízo, defendeu que esta actividade non era susceptible de recurso, resultando

este por tanto inadmisible. Lembraba tamén que as alegacións do sindicato si foron

contestadas no informe que se incorporou ao Ditame da RPT que se aprobou en Pleno en agosto de 2022. Lembra a xuíza na súa sentenza que este é “a forma en que procede na

tramitación da RPT”, decidindo inadmitir o recurso.


Publicidade


Confusión entre RPT e cadro de persoal

Pola súa banda, as e os concelleiros do PP presentaran o seu propio recurso contencioso

administrativo contra o acordo plenario de agosto de 2022 polo que se aprobou de forma

definitiva a RPT. Neste recurso, e tal como recoñece a sentenza, o grupo Popular non

sinala “en que consiste a nulidade que se solicita” nin “as infraccións que invoca”. A xuíza lembra que o recurso confunde a Relación de Postos de Traballo co Cadro de Persoal do Concello, polo que se imputan infraccións de límites á RPT que non lle corresponden.


No texto lémbrase que a RPT é unicamente un “instrumento técnico de ordenación do persoal, das necesidades e dos requisitos de cada posto”, fronte a un cadro de persoal ligado á dotación orzamentaria e que non pretende estruturar o persoal. Ademais, o recurso afirmaba que se vulneraba a xurisprudencia sobre a prevalencia da liberdade de acceso con idoneidade sobre o principio de exclusividade. Porén, a sentenza xudicial afirma que a RPT si incorporou todas as apreciacións neste sentido contidas no informe de secretaría municipal de novembro de 2021. Igualmente, fronte ao que se afirma no recurso sobre a falta de motivación do acordo, a memoria explicativa do procedemento explica de xeito razoado como se valorou cada posto de traballo e a súa asignación.


Publicidade

A resolución xudicial non admite recurso de apelación. Ademais, no fallo impónselle ás e

os denunciantes os custos do proceso.


Satisfacción no Concello

O alcalde de Melide, José Manuel Pérez, amosou a súa satisfacción pola resolución de

ambos os dous recursos, considerando que esta decisión xudicial demostra que “o Concello de Melide actuou en todo momento de forma regulamentaria e axustada a

Dereito para dotarse por fin dunha Relación de Postos de Traballo tras 16 anos”. Lembra

o rexedor que “a RPT aprobada en 2022 acabou coa práctica totalidade da desigualdade

existente entre postos laborais dentro do Concello” e permite “mellorar substancialmente

os servizos prestados á cidadanía”.


0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page