O Goberno galego destinará este ano 2023 máis de dous millóns de euros ao funcionamento e mellora destes puntos
Laura Moure/Deza
A Xunta de Galicia está a traballar na ampliación da rede pública de Puntos de Encontro Familiar (PEF), para o que ten xa iniciados os traballos para a posta en marcha de tres novos nas comarcas da Mariña, de Deza e de Monterrei. Así o indicou o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, na Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior do Parlamento de Galicia.
Publicidade
Jacobo Rey explicou que na actualidade contan con PEF as sete grandes cidades de Galicia e a comarca do Barbanza. Cos tres novos que se abrirán en comarcas pertencentes ás provincias de Lugo e Ourense darase un servizo de proximidade para que as familias que viven nestas contornas non teñan que desprazarse longas distancias.
Así mesmo, o director xeral sinalou que se seguirá adiante coa modernización e mellora da comodidade dos PEF existentes.
De feito, apuntou que o Executivo autonómico destinará neste ano 2023 máis de dous millóns de euros ao funcionamento e mellora destes servizos, que son fundamentais para normalizar as relacións familiares.
Publicidade
Jacobo Rey lembrou que desde o ano 2020 os PEF das cidades galegas abren os sete días da semana —fronte aos catro en que o facían ata entón— e que a día de hoxe a lista de agarda nestes puntos é practicamente cero. Ademais, explicou que de cara ao mes de agosto, no que os PEF poden pechar 15 días, reorganízanse as visitas e intercambios para non prexudicar ás familias.
NOTICIA RELACIONADA:
Anuncio do punto de encontro familiar en Lalín: https://www.ecosdacomarca.com/post/a-comarca-de-deza-ter%C3%A1-un-punto-de-encontro-familiar
Commenti