top of page
Foto del escritorLaura Moure

A Xunta sinala en Lalín a aposta por seguir avanzando na transformación dixital do tecido produtivo

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou na capital dezá nunha nova etapa da iniciativa Camiño de futuro, que realizará un total de 14 encontros por toda Galicia


Laura Moure/Lalín

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou este mércores en Lalín nunha nova etapa da iniciativa Camiño de futuro, posta en marcha pola Administración autonómica co obxectivo de difundir entre as pequenas e medianas empresas de contornas non urbanas os instrumentos de apoio dirixidos a mellorar a súa competitividade e crecemento. Neste escenario, Guldrís subliñou a importancia de proxectos como este de cara a seguir avanzando na transformación dixital do tecido produtivo para que “a innovación estea ao alcance de todos”.

“A nosa mensaxe principal é que o tamaño, a localización ou o sector non poden ser unha

barreira para a innovación; esta está ao alcance de todos”, incidiu o director do Igape, quen destacou que “a transformación dixital, a investigación e a innovación son os factores

máis influentes na competitividade das empresas”, motivo polo que desde a Xunta de

Galicia se está a “apostar por este camiño para avanzar cara a un modelo económico máis

forte e con maior valor engadido”.


Neste sentido, expuxo, a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e

Innovación ten en marcha distintas liñas de actuación, entre as que destacou algunhas das

que está a promover o Igape, como as axudas á dixitalización das pemes, que reforzaron

no último ano a intensidade dos apoios, chegando ata o 50% dos gastos do proxecto, con

axudas que sumaron, de modo conxunto, preto de 7 millóns.


Aberto prazo de presentación

Así mesmo, continuou Guldrís, o programa Galicia Exporta Dixital ten aberto o prazo de

presentación de solicitudes na procura de apoiar pequenas e medianas empresas no

desenvolvemento de plans empresariais de internacionalización dixital, mentres que o

cheque dixital permitiu colaborar con preto de 2400 autónomos e pequenas empresas, que

accederon a máis de 9M€ en axudas.


“A dixitalización xa non é só unha opción, é o camiño a seguir, o camiño que ten que levar

ás nosas empresas a adaptar os seus procesos, os seus produtos e os seus modelos de

negocio, para dar respostas aos novos retos e necesidades”, afondou o director do Igape.

A xornada acolleu unha mesa redonda de casos de éxito empresarial con pemes

innovadoras da contorna procedentes de distintos sectores, que falaron da súa experiencia

como beneficiarios de diferentes instrumentos de apoio da Administración para que a

empresa mellore a súa competitividade a todos os niveis. Así, a cita contou coa compañía

de transporte aéreo Luxury Delivery, e a subministradora industrial GSI Dotacion Industrial.

En total, Camiño de futuro acolle catorce encontros de networking durante estes meses de

marzo e abril por toda a xeografía galega. A seguinte parada -na provincia da Coruña- terá

lugar a vindeira semana no Concello de Vimianzo. A iniciativa, organizada pola

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, conta coa

colaboración das consellerías do Medio Rural e do Mar, os grupos de desenvolvemento

rural (GDR) e grupos de acción local pesqueira (GALP).

Camiño de futuro dá continuidade á iniciativa Camiño da innovación, unha das primeiras

actuacións do Programa de Impulso á Innovación nas Pemes que ao longo dos meses de

novembro e decembro pasados percorreu a través dun espazo itinerante un total de 18

localidades das catro provincias galegas, realizando máis de 240 asesoramentos a pemes

galegas e asistindo máis de 550 persoas aos encontros.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page