top of page

A Xunta segue a avanzar nas concentracións parcelarias con 725 hectáreas no concello de Touro

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural mantivo unha reunión beneficiados pola parcelaria de Fao-Novefontes


Laura Moure/Touro

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo hoxe unha reunión informativa cos veciños beneficiados pola concentración parcelaria de Fao-Novefontes, que reestruturará 725 hectáreas do concello de Touro, propiedade de 681 veciños. Para levar a cabo esta concentración, a Xunta ten previsto un investimento de algo máis de 2,1 millóns de euros, que redundará no beneficio dunhas 50 explotacións.

Así, este proceso forma parte das 28 concentracións decretadas pola Xunta desde o ano 2021 e ata a actualidade. Suporán a reestruturación de máis de 22.800 hectáreas distribuídas en case 110.000 parcelas de algo máis de 16.000 titulares. Cabe sinalar que estes decretos decláranse mediante a Lei de mellora de estrutura territorial de Galicia (Metaga), que busca aumentar a base territorial das explotacións e reducir os seus custos de produción. Para isto, a Consellería do Medio Rural ten asignados 17 millóns de euros nos orzamentos de 2023 para seguir traballando nestes procesos de reestruturación.

Nesta liña, entre os anos 2020 e o que levamos de 2023 rematáronse 25 novas concentracións parcelarias en Galicia, que abarcan un total 18.000 hectáreas, beneficiando preto de 12.500 propietarios que recibiron máis de 28.000 títulos de propiedade. Deste xeito, o obxectivo da Xunta é seguir decretando novas zonas de concentración parcelaria onde a prioridade sexa, precisamente, a ampliación de base territorial para as explotacións agropecuarias.

Ademais, xunto coas parcelarias, seguiranse impulsando tamén os procesos que pon a disposición a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Uns mecanismos de mobilización voluntarios que permiten unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page