top of page

A Xunta reorganizará case 3.500 hectáreas no concello de Lalín, a través de tres novas parcelarias

Os procesos decretados o pasado outubro de Cristimil, Galegos e Goiás-Xaxán-A Veiga beneficiarán case 1.630 veciños e permitirán ampliar a base territorial de 223 explotacións


Laura Moure/Lalín

O conselleiro do Medio Rural, José González, xunto co alcalde de Lalín, José Crespo, mantiveron hoxe unha reunión con veciños para presentarlles as novas concentracións parcelarias decretadas neste municipio pontevedrés, en outubro do ano pasado. Así, o conselleiro destacou que estes tres procesos (zona de Cristimil, zona de Galegos e zona de Goiás-Xaxán-A Veiga) permitirán reorganizar a estrutura territorial de 3.475 hectáreas de superficie, beneficiando preto de 1.630 titulares. O orzamento global previsto ascende a case 12 millóns de euros.

Neste senso, José González sinalou que as parcelarias seguen a ser un dos mellores mecanismos para darlle máis valor ás terras, á vez que permiten aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os seus custos de produción. Precisamente, na zona de Cristimil veranse beneficiadas desta reorganización territorial un total de 27 explotacións, na zona de Galegos serán 40 explotacións e na de Goiás-Xaxán-A Veiga serán 156 as granxas beneficiadas deste proceso.


Por iso, remarcou o conselleiro, o obxectivo da Xunta é seguir decretando novas zonas de concentración parcelaria onde a prioridade sexa, precisamente, a ampliación de base territorial para as explotacións agropecuarias. Desta forma, engadiu, poderán reducir de forma considerable os seus custos de produción. Para iso, a Consellería ten asignados 17 millóns de euros nos orzamentos de 2023 para seguir traballando nestes procesos de reestruturación.


Así, estas tres novas parcelarias forman parte das 28 concentracións decretadas pola Xunta desde o ano 2021 e ata a actualidade. Suporán a reestruturación de máis de 22.800 hectáreas distribuídas en case 110.000 parcelas de algo máis de 16.000 titulares. Concretamente, na provincia de Pontevedra foron seis as decretadas, nos concellos de Dozón, Caldas de Reis, Valga e estas tres de Lalín.


Nesta liña, o titular de Medio Rural puxo en valor que, entre o ano 2020 e o que vai de 2023, a Xunta rematou un total de 25 concentracións parcelarias, que abarcaron unha superficie total de máis de 18.000 hectáreas, beneficiando preto de 12.500 propietarios que recibiron máis de 28.000 títulos de propiedade. Ademais, matizou, o obxectivo en ambos casos é acadar a trintena de procesos -decretados e finalizados- neste primeiro semestre do ano.


Lei de recuperación da terra agraria de Galicia

Ademais, xunto coas parcelarias, seguiranse impulsando tamén os procesos que pon a disposición a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Uns mecanismos de mobilización voluntarios que permiten unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras.


Precisamente, desde a entrada en vigor da Lei de recuperación -en maio de 2021- arredor de 10.000 hectáreas de terreo están sendo obxecto de desenvolvemento dun instrumento de recuperación de terra agraria, correspondentes a 21 polígonos agroforestais, a 21 aldeas modelo e a permutas no concello de Friol, na provincia de Lugo.

Outros investimentos neste municipio

O conselleiro tamén lembrou outros proxectos que desenvolverá o seu departamento ao longo deste ano en Lalín. Así, haberá unha nova base de helicópteros para a loita contra os incendios forestais, dada a situación estratéxica deste concello, cun investimento de 3,8 millóns de euros no que tamén se inclúen melloras na base aérea de San Xoán de Río (Ourense).


Así mesmo, haberá en Lalín unha nova Base de Unidade Operativa (os denominados BUO) en madeira estrutural -na liña dos previstos en Mondoñedo, Rianxo e Muíños-, que acollerá os efectivos antiincendios, incluídas as brigadas helitransportadas. Neste caso, será o punto de encontro do distrito forestal XVI Deza-Tabeirós. A isto súmase un taller mecanizado para vehículos -todoterreos e motobombas- do Servizo de prevención e extinción de incendios e un almacén loxístico para material deste departamento. En total, o investimento previsto neste caso é de 1,3 millóns de euros.


Así mesmo, este municipio contará cun edificio de servizos integrados da propia Consellería do Medio Rural, o cal albergará a Oficina Rural e cuxo investimento ascende aos 3,7 millóns de euros.

0 comentarios

Commentaires


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page