A Xunta renova o contrato do teléfono 012 por dous anos cun importe de case 4 M€
- ecosdacomarca
- 14 mar 2024
- 2 Min. de lectura
Integra ata 16 liñas sobre servizos como o emprego, o agro, a vivenda, o turismo, a mocidade ou a xestión de expedientes de discapacidade ou dependencia
Ecos da Comarca/Xeral
O Consello da Xunta de Galicia autorizou hoxe o novo contrato do servizo de atención e información á cidadanía da Xunta de Galicia -o teléfono 012- por un importe de licitación de case 4 millóns de euros. O novo contrato dará comezo o 1 de setembro cun prazo de duración de 24 meses.

O 012, o servizo de atención e información á cidadanía na Xunta de Galicia constitúe un sistema integrado de xestión dotado dos compoñentes tecnolóxicos e dos servizos necesarios para facilitarlle á cidadanía as súas relacións co Goberno galego, e dá servizo a un total de 16 liñas de atención integradas nun número único fácil de lembrar. Así, inclúe ámbitos tan variados como o emprego, o agro, a vivenda, o turismo, a mocidade ou a xestión de expedientes de discapacidade ou dependencia.
O Goberno galego, no ano 2011, centralizou no 012 a xestión de diversos servizos telefónicos da Xunta, co obxectivo de facilitar información e asesoramento tanto en galego, castelán ou inglés, permitindo desta maneira que se poidan levar a cabo trámites de xeito sinxelo e directo, as persoas usuarias poden recibir, ademais de información, solicitudes, formularios e mesmo avisos ou alertas, de ser o caso. Conta cun sistema de videointerpretación de lingua de signos que garante o acceso de persoas con discapacidade auditiva, en igualdade de condicións, ao teléfono 012.
Publicidade
Entre as melloras tecnolóxicas incorporadas nos últimos anos na xestión do servizo destaca tamén unha contorna CRM que permite tanto a atención de chamadas como de correos electrónicos, unha sesión de chat e a emisión de contactos telefónicos.
Teléfonos integrados
Na actualidade están integrados no 012 as seguintes liñas e servizos de información: información administrativa xeral, turística, de vivenda, citacións electrónicas, reclamacións da facturación eléctrica, axuda complementaria ao Bono social de electricidade, valoración na área de dependencia, recoñecemento da área de discapacidade, a liña Arco da Vella e a atención integral en materia de LGTBIfobia; información especializada sobre a área social, o centro de coordinación e apoio á mobilidade persoal, a liña de axuda á infancia, o servizo de voluntariado, mocidade e o Quérote, información administrativa e especializada sobre a muller, atención ás persoas usuarias do Servizo Público de Emprego de Galicia; así como a liña destinada ao agro, gandaría e montes, para avisos de queimas, de niños de velutinas ou de aproveitamentos leñosos.
Publicidade
Co obxectivo de facilitar o acceso dalgúns colectivos en determinados servizos, a atención préstase os 365 días do ano nas 24 horas do día. En concreto, nas liñas da área social, infancia, muller e emprego. Na de mobilidade persoal está dispoñible a atención telefónica todos os días pero en horario é das 8:00 ás 20:00 horas. No ano 2023, o servizo telefónico do 012 atendeu máis dun millón de chamadas e case 23.000 correos electrónicos.
Comentários