Perruquería Marisa.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

Pladur Touro.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

A Xunta remata o acondicionamento de varios treitos da Vía da Prata ao seu paso por Dozón

Concretamente nas parroquias do Castro e Bidueiros e a actuación contou cun investimento de 20.000 euros


Laura Moure/Dozón

A Vicepresidencia primeira da Xunta de Galicia vén de rematar as obras de acondicionamento de varios treitos do Camiño de Santiago correspondentes coa Vía da Prata ao seu paso polas parroquias de San Salvador do Castro e Santa María de Bidueiros, no Concello de Dozón, grazas a un investimento de 20.000 euros ao abeiro da orde de axudas de mellora paisaxística e embelecemento das rutas xacobeas e da súa contorna.


López e Campos durante a visita.

Así, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Dozón, Adolfo Campos, achegáronse este sábado ata a zona beneficiaria para supervisar esta actuación, orientada a corrixir as deficiencias do firme nuns treitos de acusado desnivel que misturaban o firme de zahorra co existente en estado natural.


“A Xunta de Galicia cre que o dobre Ano Santo 2021-2022 ten un valor trascendental, que ademais agora vese redobrado xa que estimamos que vai ser unha ferramenta fundamental para a reactivación post-pandemia, polo que temos un compromiso absoluto coa mellora das rutas para que lozan do mellor xeito e ofrezan a mellor imaxe de Galicia aos milleiros de peregrinos e visitantes que agardamos na nosa terra tan pronto como avance a vacinación da Covid-19 e se levanten certas restricións”, manifestou o representante autonómico.


Deste xeito, Luis López garantiu que haberá novas actuacións do goberno galego para a mellora e embelecemento dos máis de 70 quilómetros das dúas rutas xacobeas que pasan pola bisbarra de Deza, a Vía da Prata e o Camiño de Inverno, e convidou aos Concellos de Lalín, Silleda, Rodeiro e Dozón, que son polos que discorren estes percorridos, “a que aproveiten todas as oportunidades que se lle brindan dende a Xunta con motivo do Xacobeo 21-22”.


Neste senso, o delegado territorial lembrou que o executivo autonómico financiou ata oito proxectos –tres públicos e cinco privados– de mellora do Camiño na comarca de Deza o pasado ano cun investimento de máis de 80.000 euros e revelou que a convocatoria de 2021 incrementou a partida nun 25% ata 1,5 millóns de euros, “polo que haberá máis opcións para que as administracións públicas e as entidades privadas sigan mirando e coidando destas rutas e da súa contorna”.


En canto á actuación realizada no concello castrense, centrouse nos treitos máis danados, principalmente pola escorrentía das augas e o desnivel, cun escarificado para igualar os niveis e un recheo a base de zahorra de 20 centímetros de grosor cun posterior compactado para o seu correcto acabado. Así mesmo, á capa dotóuselle dunha lixeira pendente cara a cuneta para evacuar as augas da choiva e tamén se procedeu á instalación de tubaxe con embocaduras de formigón para a canalización das pluviais nos puntos onde cruzan o sendeiro de peregrinos.



27 vistas0 comentarios
IRS.jpg

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE