Son Viladónega, O Outeiro e O Pedral e terá unha inversión de 540.000 euros

O pobo de Boimorto.
Laura Moure/Boimorto
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, remitiulle onte ao Concello de Boimorto a proposta de convenio de colaboración para impulsar a renovación da rede de saneamento nos núcleos de Viladónega, O Outeiro e O Pedral. Na actualidade estes tres núcleos carecen dunha rede de saneamento de augas residuais. Trátase dunha zona rural con vivendas unifamiliares, na súa maioría dispersas, onde tamén hai unha pequena explotación gandeira de vacún e un bar.
Mediante este convenio, desde Augas de Galicia proponse executar a instalación dun sistema de saneamento composto por unha rede de colectores con seus correspondentes pozos de rexistro e unha estación depuradora de augas residuais. Segundo recolle o texto do convenio trasladado pola Administración autonómica, a Xunta apoirá ao Concello no desenvolvemento das súas competencias municipais cofinanciando a actuación nun 80% coa aportación de 432.000 euros. Tamén levará a cabo a contratación da execución, dirección e xestión das obras ata completar a súa finalización e formalizar os correspondentes actos de recepción.
Pola súa parte, o Concello de Boimorto contribuirá á financiación do 20%, cunha inversión de 108.000 euros, comprometéndose a someter o proxecto das obras a información pública, así como a por a disposición os terreos necesarios para levar a cabo as actuacións. Tamén asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.
Augas de Galicia prevé realizar esta actuación, cun prazo de execución de catro meses, no marco do Eje REACT UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á Covid-19. Esta financiación permitirá executar estas obras que foron solicitadas pola entidade local e que se deben formalizar coa firma do convenio remitido onte por Augas de Galicia ao Concello, ao que se lle dá un prazo dun mes para dar resposta sobre o convenio, e para trasladar o correspondente xustificante da retención de crédito da aportación que asume a Administración local.
Actuacións a executar
As obras proxectadas consisten nunha rede de colectores por gravidade sen bombeos intermedios e cun tramo na finca para cruzar unha estrada autonómica. A rede finalizará nunha depuradora de augas residuais que non precisará aportación de enerxía eléctrica, únicamente haberá que dotar á instalación dun panel solar para alimentar a instrumentación e un punto de luz.
A rede de colectores executarase en tubería de PVC, de diámetro 250 milímetros, cos seus correspondentes pozos de rexistro. A lonxitude total desta rede é de máis de 2,5 quilómetros, complementada con 75 unidades de pozo de rexistro. A depuradora onde se dirixirá o efluente non require aportación de enerxía eléctrica ao funcionar por gravidade e por ser proxectada para tratar un caudal máximo de 3,75 metros cúbicos/hora. As instalacións concéntranse nunha área rectangular con peche perimetral de malla galvanizada de dous metros de altura e porta metálica de malla ST de dobre folla de catros metros de ancho total. Tamén se prevé a execución dun acceso á depuradora.
As obras darán servizo a una poboación de 99 habitantes para o ano horizonte 2044. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén o seu apoio técnico e financiero aos municipios para que estes poidan prestar de maneira eficaz os servizos de saneamento e abastecimento, que son de competencia local.
Comments