top of page

A Xunta reforzará o servizo de atención e información para atender as consultas das axudas dos lumes

O paquete de medidas incluirá tamén unha partida destinada ás entidades locais co obxectivo de facer fronte aos gastos derivados das actuacións como consecuencia dos lumes e aos danos en infraestruturas da súa titularidade


Laura Moure/Xeral

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, anunciou onte o reforzo do servizo de atención e información á cidadanía da Xunta co obxectivo de atender as dúbidas e informar sobre as medidas urxentes para a reparación dos danos causados polos incendios forestais en Galicia neste verán, que aprobará o Goberno galego a vindeira semana nun Consello extraordinario en Ourense. Deste xeito, aumentarase o persoal para dar resposta no teléfono 012 ás chamadas da poboación relacionadas con estas liñas de axudas, ao mesmo tempo que se prevé incrementar o horario do servizo.


Diego Calvo lembrou que se están a cuantificar os danos causados polos lumes por esta situación excepcional para habilitar as axudas aos damnificados. Así, a Xunta busca activar coa maior celeridade as liñas das distintas consellerías co fin de que as persoas destinatarias poidan solicitalas o antes posible.


 Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.


Nunha visita ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias da Estrada, avanzou que os apoios se dirixirán aos damnificados para paliar os danos que sufriron, e poderán estenderse, entre outros, a explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras; titulares de tecores; establecementos comerciais, industriais, turísticos ou deportivos; infraestruturas e o arranxo das vivendas, ademais de axudar co aloxamento provisional ás persoas afectadas. O conselleiro de Presidencia avanzou que tamén se prevén axudas ás entidades locais para que poidan facer fronte aos gastos derivados das actuacións levadas a cabo como consecuencia dos incendios e aos danos causados nos bens de titularidade municipal por esta causa.


Agradecemento persoal central 112 Galicia

Diego Calvo fixo estas declaracións nunha visita xunto ao director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, con motivo de agradecer de maneira directa ao persoal o esforzo realizado nestas semanas no que se refire á coordinación dos recursos de emerxencia. Así, explicou que os xestores e xestoras de chamadas desempeñan un papel esencial como primeira canle de información, recollendo os avisos que chegan dende o mesmo lugar da emerxencia e trasladándoos con inmediatez aos responsables de activar os protocolos pertinentes. De feito, o departamento de enlace foi un dos máis reforzados, dada a importancia da súa función como nexo de unión entre técnicos, responsables e equipos sobre o terreo.

O conselleiro de Presidencia tamén salientou os recursos postos á disposición do persoal neste operativo: dende a activación dos protocolos de protección cidadá ata a instalación do Centro de Coordinación Provincial de loita contra incendios de Ourense (CECOP) na provincia de Ourense, o que permitiu unha mellor coordinación interinstitucional, unha xestión áxil da información e unha resposta máis eficiente na mobilización dos recursos necesarios en cada momento.


Estas medidas contribuíron, ademais, a alixeirar a carga da sala de operacións do 112 Galicia, que puido dedicar espazo á tramitación doutras chamadas de distinta natureza, pero igual de urxentes. Nesta liña, Diego Calvo detallou que na ponte de agosto se rexistrou unha media diaria de 40 xestores e xestoras, cun pico de máis de medio cento no 15 de agosto.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Así mesmo, o conselleiro destacou a importancia das canles oficiais de comunicación do 112 Galicia, tanto a web como as redes sociais, que durante estes días se converteron en fonte de referencia para a cidadanía e para os medios de comunicación. Grazas a eles, foi posible trasladar información veraz, puntual e contrastada sobre cada paso que se foi dando na xestión da emerxencia. Nesta liña, sinalou que o 112 Galicia demostrou unha vez máis ser unha peza clave na seguridade dos galegos e galegas e o compromiso do seu persoal foi fundamental para facer fronte a esta situación tan complexa converténdose nun verdadeiro eixo de coordinación da protección civil na nosa comunidade.


Ademais, remarcou o agradecemento do Goberno galego a todos os profesionais vinculados ás emerxencias en Galicia que, unha vez máis, deron e están dando o mellor de si mesmos para facer fronte aos incendios. Un agradecemento que fixo extensivo a todos os integrantes dos distintos ámbitos e administracións que integran o dispositivo para combater o lume na comunidade. 


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page