top of page

A Xunta reforza o equipamento do GES de Monterroso cun camión autobomba

Conta cunha capacidade de 3.000 litros e bomba centrífuga con presión combinada e lanzamento de auga en baixa e alta presión


Laura Moure/Monterroso

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou este xoves nunha nova entrega de equipamento a Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) da comunidade coa cesión de cadanseu camión Bomba Rural Pesada (BPR) para os GES de Monterroso e Brión, que suman unha achega de máis de 518.600 euros, uns 259.300 euros cada un. Ao acto de entrega tamén acudiu o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva.

Os camións destinados a ambos os grupos contan cunha capacidade de 3.000 litros e bomba centrífuga con presión combinada e lanzamento de auga en baixa e alta presión. A Xunta mantén así o compromiso por mellorar o mapa de emerxencias da comunidade e, tal e como sinalou Diego Calvo, realiza un importante esforzo para dotar os efectivos dos servizos de emerxencias dos concellos galegos dos recursos necesarios co obxectivo de que poidan levar a cabo as súas actuacións en condicións de seguridade, contribuíndo ademais a unha maior eficacia na atención das incidencias e nos seus tempos de resposta.


A entrega de onte forma parte do reforzo dotacional impulsado pola Xunta para apoiar o labor dos GES. De feito, xa o pasado mes de marzo o conselleiro fixo entrega doutro camión BRP ao GES de Maceda e dun furgón de servizos varios (FSV) ao de Lobios. Os GES de Mos e A Guarda tamén resultaron beneficiarios de furgóns destas características. Con estes novos vehículos o GES de Brión mellorará a cobertura que presta a este concello e aos de Ames e Negreira, así como ao da Ulloa-Lugo-Chantada, con sede en Monterroso, que atende tamén aos de Guntín, Portomarín e Taboada.


Publicidade

Preme na imaxe se queres saber máis deste evento.

O investimento só en equipamento para servizos de emerxencias municipais da comunidade, tanto GES como Protección Civil, supera os 27 millóns de euros nos últimos anos. Ademais, segundo aclarou o conselleiro de Presidencia, o Goberno galego asume máis da metade do custo anual dos GES e dos consorcios provinciais contraincendios e salvamento, pese a tratarse dunha competencia local. Tamén financia os gastos de mantemento das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil a través dunha orde anual que supón, de media, 340.000 euros anuais e que este ano beneficiou 191 entidades.


A colaboración da Xunta garante que os GES sigan prestando servizo público en materia de emerxencia, protección civil e prevención de incendios forestais. Neste sentido, os grupos teñen competencia para intervir en incendios -tanto urbanos como forestais-, para definir e manter as redes de faixas de xestión da biomasa de prevención e para levar a cabo prácticas preventivas, de carácter local e a pequena escala, para crear descontinuidades da cuberta vexetal. Tamén fan prevención naqueles camiños e espazos públicos que poidan ao mesmo tempo servir de cortalumes.


Publicidade

Preme na imaxe se quere contactar connosco.

Ademais, seguirán coa realización de actuacións de prevención da vespa velutina por seguridade da poboación, tales como o control e retirada de niños, entre outras actuacións. Continuarán intervindo en situacións de risco e emerxencia para manter a rede de estradas, mediante a súa limpeza a retirada de obxectos, especialmente no caso de accidentes. Tamén poderán actuar no caso de situacións derivadas de riscos naturais, nevaradas, inundacións, temporais, xeadas, choivas intensas, sismos, derrubamentos, corrementos de terra e situacións de seca, entre outros traballos.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page