Nas comarcas estas afectarán aos municipios de Vila de Cruces, Touro, Arzúa e Silleda
Laura Moure/Cruces/Touro
A Xunta de Galicia ten previsto realizar este martes, 22 de xuño, unha activación de proba das sirenas de aviso á poboación adscritas a un total de 33 presas con Plan de Emerxencia.
En total, durante a proba sonora activaranse máis de 70 sirenas situadas por todo o territorio. Realizarase coa colaboración dos titulares das infraestruturas: Alcoa, Endesa, Iberdrola, PHG e Naturgy (antiga Gas Natural Fenosa) e Augas de Galicia. Tamén participarán membros de Protección Civil dos concellos afectados, xunto con persoal da Confederación Hidrográfica Miño Sil.
O primeiro sinal de aviso audible será a partir das 9:00 horas do día 22, augas abaixo da presa San Cosmade no municipio coruñés de Cerceda, e na presa de Salas, no concello ourensán de Muíños. E a partir desa hora as probas prolongaranse ata as 16:30 no resto das presas participantes.
Estas probas non afectarán á actividade diaria dos veciños. En calquera caso, a poboación dos lugares nos que o aviso será audible será informada da proba e das medidas de autoprotección previstas en caso de emerxencia.
Con este exercicio, preténdense acadar dous obxectivos principais: garantir a operatividade dos sistemas e que a poboación das zonas afectadas recoñeza o son da serea de aviso de evacuación.
Aposta pola prevención
Desde a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior se quere subliñar a importancia que teñen este tipo de exercicios, xa que dan a coñecer á poboación da zona as medidas de autoprotección a aplicar en caso dunha emerxencia destas características, ademais de mellorar a coordinación efectiva entre as administracións e as empresas para garantir a seguridade na zona.
Nas comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa, esta acción afectará aos municipios de Vila de Cruces, Touro, Arzúa e Silleda:
Naturgy:
10:45 horas (hora de inicio): na presa de Portodemouros, en Vila de Cruces e Arzúa.
11:15 horas (hora de inicio): na presa Brandariz, en Touro e Vila de Cruces.
PHG:
10:00 horas (hora de inicio): na PEP de Touro en Vila de Cruces, Touro e Silleda.
Comentarios