Os centros que impartan ensinanzas de FP de Grao Superior, de Réxime Especial e de Adultos, polas súas características organizativas e de alumnado, poderán non aplicar esta medida nesas etapas se así o consideran
Laura Moure/Xeral
A Xunta de Galicia vén de publicar o protocolo para regular o uso dos móbiles nos centros educativos durante o tempo de lecer, a través do que se amplía á totalidade da xornada escolar a limitación do uso de teléfonos e dispositivos electrónicos que xa estaba vixente no interior das aulas desde 2015 en todos os centros sostidos con fondos públicos de Galicia.
Deste xeito, desde a volta das vacacións de Nadal, nos centros non se permitirá tampouco o emprego libre destes dispositivos nos períodos non lectivos, que son as entradas e saídas, o tempo de recreo, o comedor escolar e os períodos dedicados a actividades complementarias e extraescolares. A medida xa se estaba aplicando actualmente no 76% dos centros galegos. Analizada a súa experiencia, e á vista de que constitúe unha práctica cunha repercusión positiva na convivencia escolar, decídese amplialo á totalidade logo de escoitar á comunidade educativa.
Publicidade
En calquera caso, estes dispositivos poderán empregarse de xeito proporcionado e razoable por cuestións de necesidade, médicas ou doutra índole, sempre por motivos xustificados, atendendo ás circunstancias e autorizado pola dirección do centro. Así mesmo, mantense a posibilidade do uso pedagóxico destas ferramentas, sempre baixo supervisión do profesorado.
Ademais, os centros que imparten ensinanzas de FP de Grao Superior, de Réxime Especial (como escolas oficiais de idiomas ou conservatorios, entre outros) e de Adultos, polas súas características organizativas e de alumnado, poderán non aplicar esta medida nesas etapas se así o consideran. Así, en base á súa autonomía organizativa, poderán adaptar o protocolo no relativo ás limitacións establecidas nos períodos non lectivos.
Seguridade e asesoramento
O protocolo ten un carácter básico e deberá ser contextualizado ou adaptado ao centro educativo e á súa contorna para, finalmente, ser incluído nas normas de convivencia. Os servizos de Inspección Educativa serán os encargados de prestar o asesoramento necesario aos centros e a supervisión na adaptación ao novo texto. En paralelo, a Xunta de Galicia iniciará os trámites oportunos para actualizar a norma que vén regulando os móbiles nos centros, o Decreto 8/2015, polo que se desenvolve a Lei 4/2011, de convivencia e participación da comunidade escolar en materia de convivencia.
Publicidade
Así mesmo, establecerase un plan de formación para acompañar ás familias no manexo responsable dos móbiles, para o que contarán co apoio do Goberno galego.
O protocolo parte dunha análise sosegada da situación coa comunidade educativa tras varias roldas de reunións coa Xunta Autonómica de Directores (onde están representadas as direccións dos centros públicos), cos representantes das direccións dos centros concertados e cos representantes das principais asociacións de nais e pais.
Publicidade
Así as cousas, e atendendo ao consenso e á demanda social manifestada, a Xunta considera positivo ampliar estas boas prácticas ao conxunto do sistema. Deste xeito, promóvese unha responsabilidade compartida no uso seguro e saudable das novas tecnoloxías, así como no fomento da cidadanía dixital responsable na infancia e na adolescencia, ao tempo que se compatibiliza co aproveitamento das potencialidades de aprendizaxe que ofrecen estas ferramentas.
A decisión enmárcase na liña prioritaria da Xunta de consolidar a convivencia positiva como estilo educativo, tal e como marca a Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2025 e o Plan Integral contra o Acoso e o Ciberacoso escolar.
Comentarios