O prazo estimado de execución é de dous meses e terá un importe duns 40.000 euros
Laura Moure/Palas de Rei
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, presentoulle hoxe ao alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, unha proposta de convenio de colaboración entre ambas administracións para executar obras de mellora no edificio do centro de saúde, de titularidade municipal. Arias explicou que a Consellería de Sanidade elaborou un informe do estado actual das instalacións e unha memoria de actuacións previstas valorada en 39.800 euros, que serían financiados ao 50% por Xunta e Concello. Na reunión tamén estivo a xefa territorial de Sanidade, Begoña Seco; e o director asistencial da área sanitaria, Rafael Monte.
Asistentes á reunión.
As actuacións van orientadas a renovar instalacións deterioradas polo paso do tempo e dar resposta a novas necesidades que foron xurdindo no centro, que presta servizo como Punto de Atención Continuada (PAC). Así, proponse dotar o edificio dun grupo electróxeno como sistema alternativo de emerxencia en caso de que falle a rede xeral; mellorar as instalacións de calefacción e saneamento; renovar as persianas para incrementar o illamento; cambiar portas deterioradas; repintar ou revestir con vinilo algúns espazos e colocar novos aparatos sanitarios nos aseos. Tamén se adaptará a zona que actualmente alberga o arquivo co fin de adecuar espazos de estar e descanso para o persoal que atende as emerxencias na ambulancia do 061, o que permitirá reducir os tempos de saída con persoal sanitario.
Arias destacou que as obras levaríanse a cabo de forma coordinada para non interromper a prestación sanitaria durante o desenvolvemento das mesmas, garantindo en todo momento a calidade asistencial dos veciños asignados a este centro. O prazo estimado de execución é de dous meses.
Comments