top of page

A Xunta promocionará a excelencia dos queixos de Galicia a vindeira semana en Madrid

O acto terá lugar o luns na Casa de Galicia da capital de España e nel exaltarase a calidade dos queixos de Arzúa-Ulloa, Cebreiro, San Simón da Costa e Queixo Tetilla


Ecos da Comarca/Xeral

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, presidirá o vindeiro luns, día 3 de xullo, o evento de promoción “Irmáns de leite”, que terá lugar na Casa de Galicia en Madrid.

Será un acto de exaltación da excelencia dos catro queixos galegos con denominación de orixe protexida (DOP), que son os de Arzúa-Ulloa, Cebreiro, San Simón da Costa e Queixo Tetilla. Presentaranse as súas peculiaridades e ofrecerase unha degustación destes produtos de calidade, que teñen en común a súa elaboración a base de leite galego de vacas rubia galega, frisoa, pardo alpina e os seus cruzamentos.


Así, os asistentes serán recibidos cun viño espumoso galego e, tras o saúdo institucional, poderán participar nunha presentación e cata comentada, conducida por Salomé Beiroa, experta catadora neste tipo de produtos de calidade. A continuación, ofrecerase unha demostración culinaria por parte dos chefs José Manuel Mallón e Miguel Fernández Vidal, ambos os dous embaixadores de Experiencias de calidade. Ademais, haberá postos de queixerías das DOP que amosarán e darán a degustar o seu produto.

Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Os catro queixos amparados polo selo de DOP contan cunha etiqueta que identifica un produto orixinario dun lugar determinado, cunha relación con esa área xeográfica que se considera esencial para a calidade ou as súas características. En concreto, o selo certifica que todas as fases de produción se realizan nesa zona en particular. No evento porase en valor o feito de que os queixos galegos comparten calidade, malia que teñan un sabor e unhas características e peculiaridades organolépticas moi diferentes.



Así, o queixo do Cebreiro, orixinario da montaña luguesa, remonta as súas raíces ao século XVIII e destaca pola súa forma de champiñón ou de gorro de cociñeiro. O Queixo Tetilla, mentres, ten pasta branda e inconfundible forma cónica, e a súa área xeográfica de produción abrangue todo o territorio galego.

Preme na imaxe para obter máis información do evento.

O queixo amparado pola DOP Arzúa-Ulloa procede do centro de Galicia, unha das zonas con maior tradición queixeira. De feito, foi o primeiro dos galegos en obter, xa en 1989, o selo de Produto Galego de Calidade (substituído actualmente pola DOP).

Preme na imaxe para contactar connosco.

Por último, o queixo San Simón da Costa ten unha peculiar forma de bala e elabórase na comarca da Terra Chá, na provincia de Lugo. A súa cortiza afúmase con madeira de bidueiro e o produto resultante ten un exquisito sabor, con notas de noces, plantas e fume de fogar, presentando aromas de leite recén muxida.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page