O PSOE local trasladou propostas ao Grupo Parlamentario para emendar os orzamentos da Xunta para reclamar proxectos e que se cubran necesidades importantes de Lalín
Ecos da Comarca/Lalín
A voceira municipal dos socialistas de Lalín, Alba Forno, cargou onte contra a Xunta de Galicia ao considerar “unha tomadura de pelo a todos os lalinenses” que a ampliación do Polígono Lalín 2000 volva contemplarse nos orzamentos autonómicos un ano máis, pero nunca chegue a executarse. Lembra que o PP prometeu xa en 2011 acometer a cuarta fase “pero a realidade é que pasará o 2025 e Lalín permanecerá sen chan industrial e sen posibilidades de asentar novas empresas”.
Subliña que o atraso da Xunta en máis dunha década en ampliar o parque empresarial provoca que Lalín vaia deixar atrás dúas crises económicas e dúas recuperacións sen espazo suficiente para a creación de novas empresas e, polo tanto, reducindo as posibilidades de emprego e crecemento económico. Sinala que a partida orzamentaria presentada polo Goberno de Rueda “repítese como o día da marmota sen que se avance nada e chega con tantos anos de atraso que se perdeu por completo a oportunidade da reactivación económica tras a Covid e o impulso dos fondos europeos”.
Publicidade
Alba Forno informou de que o Grupo Municipal Socialista trasladou propostas ao Grupo Parlamentario para emendar os orzamentos da Xunta e reclamar que se contemplen proxectos e se cubran necesidades importantes para a veciñanza do municipio. Así, os socialistas lalinenses reclamaron fondos para un TAC no novo CIS, lembrando que as expectativas do novo centro sanitario están moi lonxe do esixido e “polo momento non ten nada novo a maiores do que xa había en Lalín”. Reclamaron tamén partidas para a execución das parcelarias, para o saneamento dos ríos Deza e Asneiro, para a posta en valor da Fraga de Catasós, para melloras nos centros educativos, ou a trasferencia de competencias do conservatorio, entre outras cuestións.
Comments