top of page

A Xunta prevé licitar en vindeiros días a reforma do edificio no que se creará a residencia de Antas

Este centro de maiores terá 58 prazas


Laura Moure/Antas de Ulla

A Xunta de Galicia prevé licitar nos vindeiros días a obra de reforma integral do edificio de apartamentos tutelados de Antas de Ulla para crear unha residencia de maiores con 58 prazas. Así o avanzou o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, quen apuntou que a concesión da licencia municipal de obra por parte do Concello, aprobada onte, supón un paso máis para axilizar a construción da nova infraestrutura, que a Xunta prevé iniciar este ano. Para iso, a Consellería de Política Social reserva unha partida de 1,5 millóns de euros nos orzamentos de 2022.


O proxecto contempla unha nova distribución de todas as áreas e servizos para acadar unha residencia que disporá de 25 habitacións dobres e oito individuais repartidas en dúas plantas, nas que tamén haberá zonas comúns de estancia e convivencia para os residentes. O centro contará con servizos como un espazo de rehabilitación e unha á para persoas que padecen demencias.

Na planta baixa respectarase a situación dos espazos máis significativos, como o comedor, a cociña ou a lavandería. Ademais de incrementar o número de prazas – actualmente son16-, a reforma incluirá a mellora da envolvente térmica do edificio para incrementar a eficiencia enerxética e garantir un maior confort.

Tamén se acometerá a renovación total das instalacións de calefacción, iluminación e ventilación; así como a estética exterior do inmoble. A superficie total construída conservará os 2.500 metros cadrados cos que conta a edificación actual, cuxa antigüidade supera os 30 anos. Arias lembrou que o investimento total da Xunta neste proxecto superará os tres millóns de euros e apuntou que unha vez iniciadas as obras, o prazo de execución estimado será de 18 meses.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
bottom of page