top of page

A Xunta prevé acabar en 2027 as ampliacións dos polígonos de Palas de Rei e Lalín

No período 2025-2028 o Goberno galego investirá arredor de 95 millóns de euros para desenvolver estas 11 actuacións que suporán un incremento do 60% no solo empresarial


Laura Moure/Palas/Lalín

A Xunta de Galicia está a desenvolver máis de cinco millóns de m2 de solo industrial en 23 polígonos empresariais, dos cales 11 estarán rematados a finais do ano 2028 co obxectivo de facilitar a implantación e o crecemento das empresas, e contribuír á creación de emprego, de xeito especial, no sector empresarial. Desta maneira, no período 2025-2028 o Goberno galego investirá arredor de 95 millóns de euros para desenvolver estas 11 actuacións que suporán un incremento do 60% no solo empresarial dispoñible, que pasa de 705.961 m2 a 1,8 millóns de m2 . Así se desprende dun informe analizado onte na reunión do Consello da Xunta, centrado no desenvolvemento de solo empresarial na Comunidade Autónoma, que recolle que destes 23 parques industriais, seis están na provincia da Coruña, cinco na de Lugo e Ourense, respectivamente, e outros sete na provincia de Pontevedra.


Cómpre ter en conta que, desde a súa creación, a sociedade Xestión do Solo de Galicia desenvolveu un total de 8,3 millóns m2 en 2.672 parcelas, ao cal hai que engadir outros 2,9 millóns m2 de solo empresarial desenvolvidos polo IGVS en 1.346 parcelas. 1,1 millón de m2 máis de novo solo industrial en 2028. En canto ás 11 actuacións en áreas empresariais que o Goberno galego prevé ter executadas a finais do ano 2028, e que suman 1,1 millóns de m2 de novo solo industrial, son a fase C do polígono coruñés de Arteixo e o ourensán de Xinzo de Limia P2, que estarán executadas xa en 2025 e que supoñen case 139.000 m2 ; en 2026 prevé ter executadas as fases IV-V-VIIA do parque empresarial das Gándaras en Lugo, con 103.657 m2 ; no ano 2027, a Xunta terá finalizada previsiblemente a execución da ampliación do parque empresarial de Meira e de Palas de Rei en Lugo, e o de Lalín 4ª fase en Pontevedra, cun total de 175.000 m2 .

E, finalmente, xa en 2028, o obxectivo é ter rematadas a fase A de Carballo e a fase 1 de Coristanco na Coruña; a fase VIIB das Gándaras en Lugo; a ampliación do polígono industrial de San Cibrao das Viñas en Ourense; e o de Ponte Ccaldelas en Pontevedra, o que suma 690.373 m2 máis.


En total, nestes catro anos a Xunta porá á disposición das empresas 1,1 millóns de metros cadrados de novo solo empresarial nas catro provincias galegas. As restantes actuacións que o Executivo autonómico está a desenvolver son as da Sionlla, Cabana de Bergantiños, fase B de Carballo, Santa Comba, O Corgo, Xove, O Carballiño-Maside, Paderne de Allariz, O Pereiro de Aguiar; O Campiño, Mos-Redondela, Poio-Fragamoreira, Toedo, MI Plisan, e a fase D de Arteixo.


Deste xeito, o Goberno galego continúa coa súa estratexia de facilitar o asentamento de novas industrias en Galicia e ampliar as que xa están instaladas, e desenvolver solo naqueles concellos que teñen necesidade e onde as empresas están esperando para poder asentarse. Nesta liña, en 2025 puxo en marcha novas figuras de solo empresarial que permiten reducir os prazos para o seu desenvolvemento e que buscan facilitar tamén que a iniciativa privada poida desenvolver áreas empresariais, especialmente naquelas localizacións onde existe demanda real por parte dos promotores.


A zona de aceleración de proxectos empresariais e solo (ZAPES) ofrécelles axilidade e facilidade a aqueles proxectos que precisan solo de maneira urxente e que permite a tramitación conxunta para a creación de solo empresarial en áreas con demanda para proxectos industriais estratéxicos. Permite simultanear a tramitación dun proxecto de interese autonómico para a creación de solo empresarial, coa tramitación dun proxecto industrial estratéxico, con prazos o máis reducidos posible, dentro da normativa básica vixente. Por outra banda, está a zona industrial rural (ZIR), dirixida a favorecer a implantación de iniciativas empresariais e industriais de menor envergadura en áreas rurais, a redución dos prazos de inicio das actividades económicas, a creación de empregos e o impulso e a dinamización demográficos. Esta figura está dirixida a concellos cunha poboación inferior a 20.000 habitantes.


Mellora dos parques empresariais

Nos últimos anos, a Xunta tamén puxo en marcha axudas por importe de máis de 27 millóns de euros co obxectivo de mellorar e modernizar os parques empresariais de Galicia e incrementar a súa competitividade. Estes apoios contribúen á modernización das instalacións dos polígonos industriais e facilitan que as empresas dispoñan dos servizos e infraestruturas que necesitan para levar a cabo a súa actividade. Neste sentido, trátase de ofrecer un mellor servizo para favorecer a fixación e implantación de compañías e promover o emprego local.

Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

As axudas buscan mellorar, entre outros aspectos, a implantación de iluminación pública eficiente, as plantas de depuración de auga, a xestión de residuos, infraestruturas viarias, así como servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde, a seguridade, competitividade ou facilitar a obtención de certificacións, selos ou marcas nas áreas empresariais galegas.


O informe analizado onte tamén aborda o arranque dos traballos da maior auditoría enerxético-ambiental realizada ata a data nos portos e polígonos industriais de Galicia. Este proxecto pioneiro en España e en Europa vai permitir reducir custos enerxéticos e avanzar na descarbonización das actividades industriais e portuarias das 315 instalacións -193 polígonos e 122 portos- da Comunidade galega, e chegar arredor de 10.000 empresas, das cales 3.000 son industriais. Un piar esencial do proxecto será a avaliación exhaustiva das infraestruturas enerxéticas como as redes eléctricas, os centros de transformación, as subestacións e as redes de gas e distribución. Os traballos comezarán este mesmo mes de xuño e prologaranse ao longo de 12 meses. Todas as accións están orientadas a propoñer solución de autoconsumo renovable, implantar sistemas de almacenamento enerxético, mellorar a eficiencia dos procesos industriais e optimizar a mobilidade, contribuíndo, deste xeito, a reforzar a competitividade empresarial e a acadar os obxectivos europeos de sustentabilidade.





Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page