A Xunta pon en valor o castro de Doade de Lalín e a súa contorna a través dun campo de voluntariado
- Laura Moure
- 13 ago 2023
- 2 Min. de lectura
A actividade rematou onte despois de que mozos procedentes de Galicia, doutros puntos de España, de Italia e de México realizaran tarefas de conservación ambiental, de catalogación e divulgación etnográfica e de escavación na mámoa ‘a pena do santo’
Laura Moure/Lalín
Un grupo de mozos de entre 18 e 30 anos procedentes de Galicia, doutros puntos de España, de Italia e de México remataron onte a súa experiencia no campo de voluntariado organizado pola Xunta en Lalín e que ten como temáticas a arqueoloxía, o medio ambiente e a etnografía. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, estivo este venres cos participantes nesta actividade que se enmarca na campaña de verán do Goberno galego.
Publicidade
Baixo o nome de ‘Tradición en verde’, este campo con tres vertentes de traballo. Unha compoñente ambiental, na que os voluntarios realizan tarefas de limpeza das marxes do río Asneiro, recuperan e sinalizan a ruta dos muíños e a ruta prehistórica de Doade, e acondicionan a área recreativa do museo ‘Casa do Patrón’.
Así mesmo, a parte etnográfica desta proposta está centrada en labores de divulgación da cultura popular galega a través das actividades do museo ‘Casa do Patrón’, con participación en labores puntuais como a sega tradicional, a catalogación de fondos do museo ou a elaboración de guías e material e paneis informativos.

A terceira compoñente deste campo é a arqueolóxica, pois os participantes colaboran na campaña de escavación e catalogación de pezas do castro de Doade. Así, axudan na recuperación da mámoa coñecida como ‘a pena do santo’.
Ademais, a proposta inclúe outras actividades de ocio como visitas ao embalse de Portodemouros e a fraga de Catasós; actividades deportivas en canoa, caiac e de hípica; desfrutar da piscina fluvial de Vilatuxe; obradoiros de cestaría; xogos de xeolocalización con GPS; escape room; e veladas de lendas tradicionais galegas.
Publicidade
A campaña de verán da Xunta para este ano 2023 é a máis ampla da historia con máis de 11.200 prazas en distintas actividades, pero tamén é a máis variada e accesible. Nela ofrécense actividades para todas as idades e gustos como campamentos, campos de voluntariado, minicampamentos ou intercambios con outras Comunidades. O obxectivo é que a mocidade pase uns días de aprendizaxe e diversión, que os pais conten cun servizo de conciliación para esta época estival e dinamizar o sector do ocio e o tempo libre.
Comments